O Concello de Mos acolleu este venres a presentación oficial do maillot institucional do Concello de Mos conmemorativo de La Vuelta Ciclista a España no IES de Mos. Asistiu como público o alumnado de varios cursos que nesa hora tiña clase de Educación Física, xunto cos seus mestres.
O acto celebrouse no salón de actos do Instituto, sito nas Pozas, parroquia de Petelos. Estivo presente a alcaldesa Nidia Arévalo, as concelleiras Begoña Toucedo, Julia Loureiro e Sara Cebreiro. Tamén José González, de Deportes González, empresa patrocinadora do maillot da saída de La Vuelta Ciclista a España mosense, e membros da Mesa de La Vuelta.
O maillot utilizarase este ano como agasallo institucional da administración local e poderá ser mercado tamén por particulares desde marzo en Deportes González.
Deseño do maillot
O maillot ten un deseño de fondo branco con imaxes en braco e negro do Pazo de Mos (desde onde se producirá a saída da proba ciclista), da Casa Consistorial sita en Petelos e e da nova rotonda das Angustias coa fonte luminosa co lema «SomosMos» e un pelotón de ciclistas ao seu redor superpostas, tanto na parte frontal como na traseira da prenda deportiva.
Ademais atrás, na parte dos petos traseiros, loce o xadrezado en cores vermello e amarelo característico da heráldica mosense, tanto do escudo como da bandeira oficiais municipais. A rosa de Mos e o escudo ocupan tamén lugares protagonistas no maillot oficial da saída de La Vuelta 20 desde Mos: a rosa engalana as mangas e o escudo aparece tanto no frontal na parte superior esquerda sobre o corazón como na traseira na parte superior central da espalda. Trátase dun deseño moi simbólico e corporativo, á par que orixinal e vistoso.
As representantes municipais Arévalo, Toucedo, Loureiro e Cebreiro declararon sentirse «tremendamente orgullosas tanto da saída de La Vuelta desde o Pazo de Mos». Tamén deste «precioso e orixinal maillot que, estamos seguras, será todo un éxito entre o público tanto mosense como de fóra de Mos».
«Este maillot ven a demostrar unha vez máis que Mos é calidade e que somos un pobo que expresa a grande honra de ser mosense. «SomosMos», e neste maillot queda perfectamente patente que nos gusta e nos enorgullece selo. Nunha soa prenda reflíctense valores históricos, culturais, sociais e deportivos; por iso consideramos excelente o resultado e cremos que se trata dunha peza de calidade sobresaínte. Esperamos que todo o mundo estea tan ilusionado e emocionado con el como nós», concluíron a rexedoral local e as concelleiras mosenses.