As novas datas confirmaranse oficialmente este xoves a falta da autorización da Xefatura de Montes, malia que desde a organización sinalan que se trata simplemente dun trámite administrativo e que estas novas datas xa se poden dar por válidas.
Desde a organización sinalaron que a decisión de pospoñer a celebración da proba é un acto de “sensatez e responsabilidade”, pois as previsións meteorolóxicas, que o equipo confirmou persoalmente co persoal de MeteoGalicia, “sinalan que esta fin de semana imos ter unha borrasca cunha elevada baixada das temperaturas e uns fortes refachos de vento” entre a noite do venres e a mañá do sábado, máis elevados mesmo que os que xa se rexistraron as pasadas xornadas, chegando aos 127 quilómetros por hora nalgunhas localizacións do seu trazado.
Os promotores da carreira aseguran que, segundo os datos que manexan, “a sensación térmica nalgúns puntos polos que transcorre a competición, como por exemplo a serra do Candán, pode chegar aos 10 graos baixo cero”.
Ademais, lembran que os perigos que podería ocasionar a celebración da proba baixo estas inclemencias meteorolóxicas non se poderían producir só nas persoas participantes, senón tamén na cidadanía en xeral, ao haber diverso material instalado nos concellos do seu trazado que podería ser levado polo vento.
Como parte positiva deste aprazamento, a organización da Epic Race sinalou que “con esta decisión, ao celebrarse cara a finais de maio, gañamos máis horas de luz” e, de feito, asegurou que “as etapas nocturnas coincidían coas que pasaban polas cotas máis altas do percorrido”, o que dificultaría poder contemplar algunhas das mellores paisaxes panorámicas do destino Pontevedra Provincia.
A proba
A segunda edición da Epic Race pasará polos concellos de Pontevedra, Moraña, Vila de Cruces, Forcarei, Redondela, A Lama e Valença. De feito, unha das principais novidades deste ano é precisamente o seu paso por Portugal nun percorrido total de oito etapas, de día e de noite, nas que as persoas participantes (por equipos ou individualmente) desafiarán os montes gozando das paisaxes máis fermosas das Rías Baixas.
A proba, á que se inscribiron o dobre de persoas (160) que o ano pasado, ten unha duración de 51 horas como máximo na que terán que completar unha distancia de 550 quilómetros.