O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou o compromiso do goberno provincial cos deportistas e clubs da provincia na presentación da nova tempada do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, que tivo lugar este venres no exterior do Pazo provincial.
O dirixente provincial destacou o labor que leva desenvolvendo este equipo ciclista durante máis de tres décadas na formación de novos deportistas e levando o nome da provincia polas estradas de todo o país. Do mesmo xeito, quixo recordar tamén a figura de Magín Froiz. “É o gran pai do ciclismo, por todo o que fixo por este deporte e pola maridaxe coa empresa”, salientou López.
Nun acto conducido polo xornalista deportivo Terio Carrera e no que tamén estiveron presentes o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; o secretario xeral para o Deporte; Jose Ramón Lete Lasa; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; así como os integrantes das distintas categorías do equipo ciclista encabezados polo director deportivo, Evaristo Portela; o titular do executivo provincial sinalou que “febreiro é o mes do ciclismo” en referencia ao inicio da tempada do Supermercados Froiz e tamén polo remate, no alto do Monte Aloia o 25 de febreiro, da última etapa do Gran Camiño, proba que conta co apoio da Deputación e na que participarán as máis grandes figuras do ciclismo mundial.
Luis López, amante e practicante do deporte da bicicleta, puxo en valor tamén a traxectoria e o labor do director deportivo do conxunto pontevedrés, Evaristo Portela. Neste sentido, recoñeceu o seu compromiso ao longo dos 36 anos de historia da entidade alimenticia para fomentar os valores do deporte e a práctica deportiva entre a mocidade.
Finalmente, o mandatario provincial recordou que a presenza das bicicletas por toda a provincia non se limitará só ao mes de febreiro. “Este vai ser o ano do ciclismo”, asegurou antes de citar o paso do pelotón de La Vuelta a España o 27 de agosto entre Ponteareas e Baiona ou a celebración do Europeo de ciclocrós en Pontevedra o vindeiro outono. Dous eventos que dan boa mostra da importancia que ten o deporte para o executivo provincial.
A presentación, que contou coa participación dos escolares do colexio pontevedrés entre os que repartiron agasallos do Supermercados Froiz, rematou cunha mensaxe de ánimo por parte do presidente da Deputación aos corredores do equipo ciclista. “Só me queda desexarvos sorte para a nova tempada porque sei que a ilusión e o traballo é algo propio de toda a familia do Súper Froiz”, concluíu Luis López.