A colaboración entre o Concello do Porriño, o Clube Ciclista Spol e a Federación Galega de Ciclismo fixo posible a recuperación desta clásica do calendario autonómico. Máis de 200 corredores participarán nunha cita que, do mesmo xeito que o resto das probas da Copa Galicia, tamén é puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).
O programa de competición arrancará ás 9:45 horas coa carreira de Promoción. Ás 10:00 tomarán a saída os Máster-40, 50-60 e as rapazas e os rapaces cadetes. Ás 11:00 entrarán en escena as mulleres Elite e Sub23, as júniors e os Máster-30. O peche correrá a cargo dos Elite e Sub23 masculinos e os júniors a partir das 12:00 horas.
Cando tan so restan esta xornada e a que o 24 de decembro se disputará en Maceda, varias clasificacións da Copa Galicia presentan unha loita pechada pola primeira posición. Os líderes que teñen o título prácticamente no peto son os dos ránkings Elite e Sub23. No masculino, Mauro González (Salvaterra) supera en 110 puntos ao seu compañeiro Samuel González (Salvaterra), que non ten previsto correr no Porriño, mentres que nas mulleres Isabel Castro (Fornelos) aventaxa a Desirée Castro (Fornelos) en 300 puntos.
A categoría máis emocionante é a cadete. Na táboa feminina Noela Saa (Maceda) ten 10 puntos de marxe sobre Andrea García (Cambre) e na masculina Mario Fernández (O Rosal) defende unha renda de 8 puntos respecto a Carlos Canal (Maceda). Tamén está moi axustada a clasificación dos júniors, con Pablo Álvarez (Cambre) acumulando 30 puntos máis que Jorge Suárez (Cidade de Lugo) e 50 máis que Adrián Barros (Coruxo).
No resto, Sara Trigo (Cidade de Lugo) nas juniors, Andrés Calvete (Cambre) nos Máster-30, Manuel Armada (Asociación Galega) nos Máster-40 e Javier de la Fuente (Betanzos) nos Máster-50/60 poden deixar sentenciados matemáticamente os seus ránkings.