Os 150 kilómetros pola provincia de Lugo, con inicio e final en Sarria, presentaban catro portos de montaña e un trazado ideal para emboscadas. O portugués Luis Mendonça (Spol-Concello do Porriño) e o asturiano Sergio Pérez (Kuota-Construcciones Paulino) foron os grandes protagonistas da primeira metade da etapa. Abandonaron o pelotón no kilómetro 16 e acadaron unha vantaxe de tres minutos que lles permitiu pasar ao fronte da carreira polas metas volantes de Samos e Láncara, e polos altos de San Xoán, Vilaesteva e Baralla.
Por detrás, o Club Ciclista Rías Baixas intentou mover a carreira e liderou un quinteto intermedio con Cristian Mota, Jesús Nanclares e Ángel de Julián, que estiveron acompañados por David Francisco (Kuota) e Jesús Montero (Bicicletas Rodríguez). Este grupo foi neutralizado no kilómetro 100 e pouco máis tarde o pelotón tamén absorveu a Mendonça e Pérez. Antes da subida da Paradela houbo varios movementos, pero a carreira decidiuse nas ramplas deste porto de segunda categoría.
O Kuota lanzou por diante a Miguel Burmann e a Elias Tello. Os dous representantes da formación asturiano alcanzaron a cima, ubicada a 14 kilómetros para o final, con 20 segundos de marxe sobre Blanco, Daniel Domínguez (Supermercados Froiz), José Díaz (Bicicletas Rodríguez), Pedro Gregori (Aluminios Cortizo), Gaspar Gonçalves (Liberty Seguros), Sevilla e Diego Noriega (Polartec-Fundación Contador).
Os sete perseguidores atraparon a Burmann e Tello no descenso da Paradela e a vitoria decididiuse nas rúas de Sarria. Sevilla levantou os brazos por diante de Tello e Domínguez. O ciclista do Polartec madrileño quedárase a xornada anterior preto do triunfo ao ser terceiro en Noia. O segundo grupo cruzou na liña de meta a 50 segundos e nel entrou Jurado, que deste xeito cedeu a camisola de líder.
O redondelán Blanco manda agora na xeral con 20 segundos de vantaxe sobre Sevilla e 37 respecto a Gregori. O corredor do Club Ciclista Rías Baixas tamén é o mellor Sub-23 e o primeiro galego. Ademais, o seu equipo encabeza a táboa por escuadras. No resto de clasificacións, Sergio Pérez é o novo líder da montaña e Luis Mendonça das Metas Volantes.
Este sábado a provincia de Ourense toma o relevo na Volta con 131 kilómetros que arrancarán e rematarán en Verín. O Alto de Vilardevós, de segunda categoría, coroarase a dezaseis kilómetros para o final. Antes, os sobrevivintes nesta rolda tamén terán que superar as subidas puntuables de Alberguería (km.32, de 2ª) e de Cualedro (km.70 de 3ª), mentres que as dúas metas volantes atópanse en Laza (km.19) e Oímbra (km.96).