Toni Ferreiro (XMS Racing Squad C.D.E.), actual campión de España desta modalidade, cumpriu cos pronósticos e acadou unha incontestable vitoria. José Manuel Groba (Xtrembike) e Antonio Pérez (Laesport) completaron o podio nunha cita que contou con cerca de 200 participantes.
O rider vigués non deu ningunha opción ao resto de candidatos ao triunfo e marcou o mellor tempo nos cinco treitos cronometrados. Venceu cun minuto e catorce segundos de vantaxe na clasificación xeral final, na que a emoción estivo centrada na loita polas outras dúas prazas do caixón.
José Manuel Groba comezou cun terceiro posto, pero no segundo parcial xa se situou por detrás de Ferreiro e resistiu con 26 segundos de marxe malia ao empuxe de Antonio Pérez e Jose Manuel López Vaqueiro (+Enduro). A segunda praza na xeral do representante do Xtrembike outorgoulle a vitoria na clasificación Master-30.
A destacar a actuación de Mauro González Fontán (Transportes Salvaterra). O especialista en ciclocross rematou quinto, e segundo Élite por detrás de Ferreiro, no seu primeiro contacto cunha competición oficial desta modalidade. No resto de categorías impuxéronse Eva Abadín (Barbanzabike) en féminas, Andrés Quintela (Esmelle) en Junior, Esteban Paz (Coruxo) en Sub 23, Marcos Balbuena (Bici O Con) en Master-40 e Carlos José Táboas (QueBici-Marcisport) en Master50-60.
A segunda xornada do Open NorthEnduro MTB Xtremebike – Cannondale terá lugar na Cañiza o 8 de maio e a terceira e ultima disputarase en Salceda de Caselas o 12 de xuño. O gañador da clasificación absoluta será piloto oficial de Cannondale na temporada 2017.