Avalado polo seu triunfo nas últimas seis xornadas da Copa Galicia e no Campionato de Galicia, Samuel González presentábase en terras mediterráneas pletórico de moral. O anfitrión Felipe Orts (Comunidade Valenciana) era o gran favorito para impoñerse na proba sub23 e puxo terra de por medio mediada a primeira volta. Por detrás, estableceuse un duelo a tres bandas entre González, Jokin Alberdi (Euskadi) e Mario Junquera (Asturias).
Este trío intentou nun primeiro momento recurtar a desvantaxe con Orts, pero tras comprobar que era moi complicado comezou unha carreira táctica pola segunda e terceira praza. Na batalla entre eles, Junquera cedeu algúns segundos a falta de dúas voltas para o final. Orts ergueu os brazos con 1:46 de marxe, e no esprint pola prata o vigués superou ao vasco. Raúl Fernández, da selección de Galicia, entrou na sétima posición, a 2:44 do primeiro clasificado.
“Estou moi contento, porque sabía que estaba en forma para optar ás medallas, pero verte no podio coa prata é moi distinto”, recoñeceu González, que non atacou “porque ía peor que eles, pero sabía que tiña que saír ben da zona de area para ter opcións no esprint”.
O outro metal galego da xornada chegou nos Máster-30. Na clasificación A, de 30 a 35 anos, Luciano Carretero acadou o terceiro posto. O ciclista do Cambre Renault Caeiro, vencedor do campionato autonómico o pasado sábado en Culleredo, concluíu a un minuto e vintetrés segundos do gañador Martin Mata (Villarcayo) e a 43” de José Luis Blanco (Asturias). Pola súa banda, Andrés Calvete, da selección de Galicia, clasificouse oitavo nos Máster-30 B.
Cuarto posto de Trabazo
Moi preto de subir ao podio quedou Irene Trabazo, da selección de Galicia, na competición feminina sub23. A marinense rematou cuarta despois perder o esprint polo bronce coa asturiana Paula Díaz. As dúas chegaron á liña de meta a dous minutos da gañadora Alicia González (Asturias). Desirée Duarte, a outra representante do combinado galego, acabou en quinta posición a 20” da súa compañeira de selección.
A estes dous postos de honra hai que engadir seis máis de ciclistas con licenza galega. Isabel Castro, do Condado Bike, foi décima na carreira elite feminina; Sara Trigo, da selección de Galicia, ocupou a undécima posición nas júniors; Guillermo Álvarez, do Condado Bike, finalizou sétimo nos Máster-40A; Marcial Rodríguez, do Québici-Marcisport, sexto nos Máster-50A; Antonio González, do Salvaterra, oitavo nos Máster-50B; e Valeriano Carrera, do C.C. De La Fuente, sexto nos Máster-60A.
Xornada de clausura
Este domingo os Campionatos de España despídense con catro carreiras e varias opcións claras de medalla para a selección de Galicia. Ás 9:30 entrarán en liza as rapazas cadetes con Noela Saa, Aida González, Antía Martínez, Carla Fernández e Andrea García formando o bloque do combinado autonómico. A continuación, ás 10:30 horas, Carlos Canal, Mario Fernández e Borja Lorenzo tomarán a saída na carreira cadete masculina. A quenda para os júniors Iván Feijóo, Pablo Álvarez, Jorge Suárez e Guillermo García chegará ás 11:45 e por último Mauro González será o representante galego na proba elite masculina a partir das 13:15 horas.