Os éxitos dos riders galegos non se limitaron a este histórico dobrete: Tony Pérez (Selección de Galicia) tamén se vestiu o maillot de campión de España Máster-30B, mentres que Borja Caneiro (DH Galicia) colgouse a prata na mesma categoría e Carlos José Táboas (Selección de Galicia) acadou a segunda praza en Máster-50.
Ao igual que aconteceu o pasado mes de xullo no Campionato de España de Descenso celebrado en Vigo, as dúas probas raíñas tinguíronse de cor galega. Desirée Duarte dominou con claridade a competición elite feminina. Marcou os mellores rexistros nos catro treitos cronometrados e na clasificación final, cun tempo de 27:55:17, superou en tres minutos a Janet Puiggros (BH Alpi) e en catro a Covadonga González (Asturbike Gijón).
A corredora da Seleccion de Galicia entrou na liña de meta cunha forza brutal e derrapando antes de romper a chorar. “Viña moi motivada a esta cita porque o ano pasado o campionato foi na miña terra, concretamente no Porriño, e non hubo categoría júnior polo que gañei pero non puiden poñerme o maillot. Nesta ocasión non sabía cómo estaban as rivais e din todo o que puiden. Ao ver os primeiros tempos fun regulando para asegurar e evitar caídas”, afirmou Duarte.
Máis emocionante resultou a loita na categoría elite masculina. Toni Ferreiro revalidou o título acadado a pasada campaña e conseguiuno cunha marxe de 16 segundos respecto a Jacobo Santana (On Bike) e 45” sobre Edgar Carballo (Vadebicis). “Non foi unha carreira doada, tiven que pelexar e loitar moito”, asegurou o vigués, que tamén asinou o mellor tempo scratch (21:44:72) batendo por nove segundos ao sub23 Gabriel Torralba (Huesca Bike).
Tony Pérez segue invicto
O Campionato de España de Enduro leva tres anos disputándose e en todas as súas edicións o triunfo en Máster-30 correspondeulle a Tony Pérez. O vigués foi en Villanúa o primeiro máster na táboa scratch (22:59:18) e adxudicouse o ouro en Máster-30B. Nesta categoría a segunda posición ocupouna o tamén galego Borja Caneiro, que asinou un rexistro de 23:57:82.
A colleita de medallas para os riders que se desprazaron dende Galicia completouna en Máster-50 Carlos José Táboas. O representante do combinado autonómico repetiu a prata que logrou no 2015 no Porriño (Pontevedra).
O resto de corredores que defenderon o maillot da Selección de Galicia tamén remataron dentro do Top Ten das súas categorías: Rubén Rodríguez finalizou quinto e Óscar Martínez sétimo en Elite, Brais Boullosa oitavo en Sub23, Marcos Ríos sexto en Máster-40A e José Estévez quinto en Máster-40B.