Os outros triunfadores da xornada foron Noela Saa (Maceda) e Carlos Canal (Maceda) en cadetes; Sara Trigo (Cidade de Lugo) e Iván Feijoo (Maceda) en júniors; Luciano Carretero (Cambre) en Máster-30; Manuel Armada (Asociación Galega) en Máster-40; e Marcial Rodríguez (Québici-Marcisport) en Máster-50/60.
O XXIX Trofeo Concello de Boiro, organizado polo Clube Ciclista Oziona-Barbanza, congregou a 228 participantes no Pinar do Paseo Marítimo de Praia Xardín. Un circuíto moi vistoso, con treitos de area, e bastante rápido no que resulta complicado abrir grandes diferencias.
A carreira Elite e Sub23 masculina viviu unha igualada pugna entre os cinco grandes protagonistas do calendario autonómico e Samuel González volveu ser o máis forte. O vencedor en Marín e en Dumbría exprimiu o seu estado de forma para prolongar a súa xeira triunfal.
O líder sub23 impúxose en solitario cun tempo de 59:02, e 35 segundos máis tarde alcanzaron a recta final os seus catro perseguidores, que se xogaron as outras prazas do podio ao esprint. Raúl Fernández (Fornelos) foi o máis rápido, Mauro González ocupou o terceiro posto, Darío Otero (Compostelano) o cuarto e Adrian Valverde (Rías Baixas) o quinto.
Se nos homes Mauro González ten todo ao seu favor para proclamarse gañador da xeral, o mesmo acontece nas mulleres con Isabel Castro. A ciclista do Fornelos aproveitou a ausencia de Irene Trabazo para dar un golpe definitivo ao ránking Elite e Sub23. Despois de 54 minutos e 30 segundos de esforzo, Castro alcanzou a liña de meta xunto a súa filla Desirée Duarte, que se anotou o seu terceiro triunfo nesta campaña. A 2:09 finalizou María Jesús Barros (Spol) na terceira posición.
Non cambian os líderes
A falta de tres xornadas para a conclusión da Copa Galicia 2016, os corredores que portan os maillots de líderes mantéñense firmes ao fronte das súas clasificacións. Antía Martínez e Carlos Canal, ambos do Maceda, están no máis alto nos ránkings cadetes; Pablo Álvarez (Cambre) e Sara Trigo nos júniors; Andrés Calvete no Máster-30; Manuel Armada no Máster-40; e Javier de la Fuente (Betanzos) no Máster-50/60.
Sen tempo para o descanso, o certame autonómico regresa este xoves co I Trofeo Concello de Pontevedra, novena proba puntuable, que se disputará no Hipódromo de Campañó.