A decimocuarta edición da cita organizada polo Club Ciclista Marín reuniu a 215 participantes no circuíto do Chan do Xaxán, un esixente trazado no que o cadro de gañadores completárono Antía Martínez (Maceda) e Carlos Canal (Maceda) nos cadetes, Sara Trigo (Cidade de Lugo) nas júniors, Andrés Calvete (Cambre) nos Máster-30, Manuel Armada (Asoc. Galega) nos Máster-40 e Marcial Rodríguez (Quebici-Marcisport) nos Máster-50/60.
Os corredores do Salvaterra dominaron por completo a proba Elite e Sub23 masculina. O líder elite Mauro González e o seu compañeiro sub23 Samuel González marcaron dende os primeiros metros un ritmo que non puideron seguir os seus rivais. Cun tempo de 56 minutos e 9 segundos presentáronse na liña de meta con 24” de vantaxe respecto a Adrian Valverde (Club Ciclista Rías Baixas). Unha diferencia que lles permitiu celebrar a vitoria collidos da man antes de que Mauro deixara pasar por diante a Samuel.
A local Irene Trabazo era a principal favorita á vitoria na carreira de mulleres Elite e Sub23, pero a marinense do Meruelo repetiu a segunda praza do día anterior no Rosal. Nesta ocasión o triunfo arrebatoullo a líder Isabel Castro, que protagonizou unha actuación de menos a máis. Trabazo rodou en primeira posición ata o treito final, onde non foi quen de respostar á reacción da representante do Fornelos. Castro gañou cun crono de 57:37, a 1:11 rematou Trabazo e Desiree Duarte completou o podio chegando a 2:11 da súa nai e compañeira de equipo.
Tres cambios de líder
En Marín a Copa Galicia 2016 alcanzou o seu ecuador e as alternativas na loita polo primeiro posto están sendo constantes nalgunhas categorías. Nos júnior masculinos Pablo Álvarez recuperou o maillot de líder que perdera a xornada anterior. O do Cambre acadou unha folgada vitoria sobre Jorge Suárez (Cidade de Lugo), a quen desbancou ao fronte da táboa. Outra apaixoante loita é a dos Máster-40, con Manuel Armada asaltando o liderado despois de triunfar nun axustado final por diante de Juan José Saborido (Compostelano), mentres que nas rapazas cadetes Antía Martínez releva na primeira praza da xeral a súa compañeira Noela Saa.
Carlos Canal nos cadetes masculinos, Sara Trigo nas júniors, Andrés Calvete nos Máster-30 e Javier de la Fuente (Betanzos) nos Máster-50/60 continúan vestidos unha xornada máis como líderes. A próxima parada do certame autonómico será o vindeiro sábado na localidade coruñesa de Dumbría.