A provincia de Pontevedra acollerá o vindeiro domingo 25 de febreiro a etapa raíña do Gran Camiño, terceira edición desta proba ciclista que reúne a deportistas chegados de todo o mundo, que será un grande escaparate e colocará á provincia “unha vez máis no mapa turístico e deportivo”. Así o asegurou a vicepresidenta e responsable de deportes da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, durante a presentación da mesma, que tivo lugar hoxe en Ponteareas, concello dende o que partirá esa cuarta e última etapa.
Na presentación na provincia, na que estivo acompañada polo director da proba e xerente de EMESports, Ezequiel Mosquera, a alcaldesa de Ponteareas e deputada provincial Nava Castro e os ex ciclistas Álvaro Pino e Óscar Pereiro, a vicepresidenta provincial destacou que esta terceira edición “é unha clara proba de que esta é xa unha cita totalmente consolidada no calendario ciclista, e fala da boa saúde do deporte da bicicleta nesta provincia. “Non hai ningunha dúbida de que Pontevedra é o berce do ciclismo”, sinalou na súa intervención antes de lembrar que “estes dous anos bastaron para que O Gran Camiño traspase fronteiras e continentes, pois o impacto e repercusión desta proba foi moi importante, e non hai deportista nin equipo que non queira participar nesta ‘volta’ galega”.
Proba diso é que na cita, que comezará o 22 de febreiro na Coruña e percorrerá as provincia de Lugo e Ourense antes de chegar a Pontevedra, participarán equipos como o Visma-Lease a Bike (antigo Jumbo-Visma), considerado o mellor do mundo, encabezado por Jonas Vingegaard, bicampión do Tour de Francia e gañador do Gran Camiño o pasado ano, que escolleu a proba galega para debutar na tempada 2024. Outros equipos que xa confirmaron a súa presencia son o francés Groupama-FDJ, que participará por vez primeira nesta cita, ou o Movistar Team. “Está claro que algo ten O Gran Camiño, que unha vez que o probas xa non podes faltar”, asegurou Fernández-Tapias.
Na provincia de Pontevedra, os ciclistas transitarán por estradas “que parecen pensadas para desfrutar en bicicleta, comezando pola contorna de Ponteareas para pasar por unha morea de lugares únicos deste territorio”, como explicou a responsable provincial de Deportes, que asegurou que “malia que todas as etapas son especiais, a que transcorre por terras pontevedresas será irrepetible, e suporá unha experiencia inolvidable e emocionante”.
Por último, Fernández-Tapias quixo aproveitar para reiterar o apoio da Deputación de Pontevedra a esta proba, coa que colabora a través dun patrocinio deportivo dotado con 110.000 euros, “para que se consolide máis aínda se cabe no calendario deportivo da provincia. Iniciativas como esta dinamizan o noso territorio, á vez que xeran e promoven valores culturais e deportivas”.