O último galego que estivo nunha competición da máxima categoría foi Gustavo César Veloso, que participou na Volta a España do ano 2012 co Andalucía. O equipo desapareceu uns meses despois e o ciclista de Vilargacía recalou no pelotón portugués. Alí xa corría Delio Fernández, que este ano fichou polo Delko Marseille.
Tras correr en San Luis (Arxentina) e facer dúas probas do calendario francés, o ciclista de Moaña entrou no equipo para a proba por etapas da primeira categoría do ciclismo mundial. O seu conxunto recibiu unha das invitacións da organización e Delio expresou que «o equipo traballou dende o inicio para tentar estar na proba e eu tiña previsto este calendario. A idea é facer as probas por etapas e non se produciron cambios, polo que estarei na saída».
Delio Fernández recoñece que «este ano é distinto ós que facía en Portugal. Teño que estar ben, a un nivel medio-alto, durante moitos meses. Antes podía facer unha concentración forte para chegar a Volta a Portugal ó máximo». Polo tanto, esta situación provoca que o moañés non teña tempo a preparar a conciencia unha proba do nivel da París-Niza e, como consecuencia, tamén cambia a súa formulación. «Haberá días nos que intentarei loitar por acadar bos resultados, outros por traballar para os compañeiros e outros para recuperar e gardar».
Polo tanto, o galego do Delko Marseille explicou que «é unha cuestión de comprar boletos e que algún toque. Aproveitar o día que teña boas pernas, aínda que nesta época do ano, con tanto frío, teño problemas para estar ben. O equipo non nos pide nada en concreto por agora, non temos uns papeis claramente definidos porque carecemos un corredor que sexa de garantías para loitar por unha clasificación xeral».
Deste xeito, Delio Fernández compartirá estrada dende o vindeiro domingo cos mellores ciclistas do pelotón mundial. Os principais favoritos á gañar a proba son Alberto Contador (Tinkoff), Geraint Thomas (Sky) e Richie Porte (BMC). Tamén estarán na saída Alexander Kristoff (Katusha), Romain Bardet (Ag2r) ou Rui Costa (Lampre). A proba francesa consta de sete etapas e varias delas de montaña ou media montaña, o percorrido que mellor se adapta ás condicións de Delio Fernández e onde tentará ter unha boa actuación.