No quilómetro 19 os participantes terán o avituallamento da ruta, para encarar a segunda parte do itinerario, cun perfil máis esixente que os levará a ascender o monte de Coruxo ata o seu punto máis alto. A continuación haberá un pequeno descenso antes de afrontar a parte máis dura do percorrido, que levará aos participantes a coroar o Parque Forestal Monte Alba-Cepudo, presidido pola Igrexa de Nosa Señora do Alba, unha contorna que ofrece unhas vistas espectaculares da cidade de Vigo.
Tras a cita de Nigrán, a seguinte DepoRuta BTT terá lugar o 20 de outubro en Salceda de Caselas. E, por último, o 27 de outubro será a quenda da DepoRuta BTT de Cangas. O programa ofrece cinco actividades de balde e cun máximo de 300 participantes en cada unha delas. O obxectivo é fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial inigualable.