As datas previstas para a realización da proba aínda non están pechadas e, en gran medida, dependerá do calendario do propio Delio Fernández, pero calculase que será o mes de maio. O corredor tamén destacou que a marcha cicloturista será dura pero tamén adaptada ós distintos niveis porque terá «un paso por Moaña ós 60 quilómetros para os que desexen parar nese momento. En Galicia non hai terreo chan e no Morrazo menos. Buscar algo que non sexa duro é imposible e os corredores tamén queren sufrir. É un desafío e todos terán a posibilidade de facerse un test e probar a súa condición física. Se é doada tamén se van a queixar. Se se queixan será porque é dura».
Na presentación da proba, o ciclista moañés estivo acompañado pola alcaldesa Leticia Santos e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñíz e membros da Asociación Punta Fondón. O ciclista engadiu que «querían facer unha marcha cicloturista e decidiron facela como homenaxe ó noso mellor ciclista. Non teño competencia porque non hai outro en Moaña, pero para min é un gran orgullo poñerlle o nome e estounos axudando co percorrido. A idea é facer un día no que Moaña sexa o epicentro do ciclismo galego. Queremos chegar máis alá de Galicia, queremos atraer a eses ciclistas, que tamén son turistas».