A dureza do trazado situado na parroquia de Serantes multiplicouse pola intensa chuvia caída durante a cuarta edición do Trofeo de Ferrol-Club de Campo. O resto de gañadores na cita organizada polo Clube Ciclista Ferrol foron Carlos Canal e Antía Martínez, os dous do Maceda, en cadetes; Pablo Álvarez (Cambre) e Marta Vila (Fornelos) en júniors; Andrés Calvete (Cambre) en Máster-30; José Antonio Pazos (Muchas-Carnes Parente) en Máster-40; e Enrique Vázquez (Monte Xalo) en Máster-50/60.
Dende as primeiras pedaladas da carreira Elite e Sub23 masculina, Mauro González e Víctor Santos abriron oco respecto aos seus inmediatos perseguidores. O ciclista de Salvaterra non puido abandonar a compañía do portugués ata a penúltima volta e unha vez que se quedou en solitario meteu a directa para vencer cun tempo de 56:42.
A 29” cruzou a liña de meta o representante da formación lusa Xarao e o podio completouno o seu compañeiro de equipo Roberto Ferreiro, que rematou a un minuto e medio do gañador. O cuarto clasificado e primeiro Sub23 foi Raúl Fernández (Fornelos), que no podio estivo acompañado por Bruno Silva (Xarao) e Román Saa (Maceda).
Tamén un man a man marcou o guión da proba Elite e Sub23 feminina. Isabel Castro cedera na primeira xornada ante Irene Trabazo, e as dúas voltaron ser a grandes protagonistas no circuíto do Club de Campo. Nesta ocasión, a experimentada ciclista do Fornelos estivo máis forte que a marinense e levantou os brazos despois de 50 minutos e 49 segundos de esforzo sobre o barro. Trabazo descolgouse a metade de carreira e chegou a 32” xunto a Sandra Moral (Cidade de Lugo), a quen superou no esprint final.
Esta fin de semana inaugural da Copa Galicia de Ciclocross deixa sete líderes en solitario. Mauro González en Elite, Raúl Fernández en Sub23, Pablo Álvarez e Sara Trigo (Cidade de Lugo) en júniors, Carlos Canal e Noela Saa (Maceda) en cadetes, Antonio Sousa en Máster-40 e Enrique Vázquez en Máster-50/60 son os corredores que máis puntos sumaron nas súas categorías. A nómina de líderes complétase con dous empates no máis alto de dous ránkings. Isabel Castro e Irene Trabazo igualan na táboa elite feminina e Andrés Calvete e Luciano Carretero, ambos do Cambre, na Máster-30.
A seguinte cita do calendario autonómico desta modalidade será o XVI Trofeo Concello de Santiago, o vindeiro 1 de novembro na capital de Galicia.