A Deputación de Pontevedra está a abordar actualmente os traballos de mantemento de 36 campos de fútbol tanto de herba natural como de herba sintética de 16 concellos do sur da provincia, nas comarcas de Vigo, O Baixo Miño e O Condado-A Paradanta.
Trátase de traballos realizados no marco do programa de mantemento dos campos de fútbol da provincia que convoca anualmente a institución provincial, no cal achega en préstamo tanto a maquinaria como o persoal operador para que as instalacións deportivas se manteñan en bo estado para a práctica deportiva e posibilitar que aumente a súa vida útil.
Os traballos en campos de fútbol de herba natural correspóndense con infraestruturas dos concellos de Baiona (Val Martín), A Cañiza (Vieiro), Mondariz (A Lagoa), Ponteareas (Pardellas, San Mateo, Eido D’albo e Areas), O Porriño (Lourambal), Salceda de Caselas (Penedo Redondo), Salvaterra de Miño (Dextros), Tui (Álvarez Durán e A Gándara) e Vigo (O Vao, en Coruxo). Pola súa banda, a Deputación tamén está a traballar en campos de fútbol de herba sintética dos concellos de Arbo (campo municipal), Baiona (Aral Fontiñas), Covelo (Amable Ramón Martínez Vidal), Gondomar (A Gándara de Chaín), A Guarda (A Sangriña), Nigrán (Condominez), Ponteareas (Pardellas, Angoares e Domingo Freitas), O Porriño (Atios, Mosende e Pontellas), Redondela (Manuel Conde e Santa Mariña), Salceda de Caselas (A Gándara), Salvaterra de Miño (Casal e Oural), Tomiño (O Regatiño de Goián, O Alivio e A Carballa) e Tui (Álvarez Durán, Ribadelouro e Caldelas).
No marco do programa de mantemento dos campos de fútbol da provincia, a Deputación de Pontevedra está a actuar nun total de 93 campos de fútbol de 41 concellos, 69 campos de herba sintética e 24 de herba natural. No caso dos campos naturais, os traballos que solicitan os concellos consistiron en escarificado, picado e/ou resementado, mentres que nos de campos de herba sintética se procedeu á súa limpeza, descompactación, cepillado e/ou á reposición do caucho e da area.