A Real Federación Galega de Fútbol descartou finalmente a proposta de que o estadio de Balaídos acollese a final da fase de ascenso a Segunda División B con público nas bancadas. O partido decisivo que xogarán o Compostela e o Ourense CF (sábado, 19.30 horas) disputarase a porta pechada tras as conversas mantidas entre o organismo autonómico e a Real Federación Española de Fútbol, que barallaban a posibilidade de introducir seareiros do campo municipal.
Os responsables federativos galegos aseguran que adoptaron esta decisión “co único e principal obxectivo de preservar as máximas garantías sanitarias e de seguridade de todas as persoas participantes”. Así, igual que se fixo coas semifinais celebradas a pasada fin de semana, a finalidade é “cumprir coas medidas das autoridades sanitarias para a eventual celebración de competicións en vixilancia sanitaria pola Covid-19, como polo protocolo deseñado pola RFEF para esta fase de ascenso exprés”. O encontro poderá seguirse pola segunda canle da TVG.
Os dous finalistas chegan ao último envite do exercicio despois de deixar boas sensacións nas súas respectivas semifinais. O Compostela deixou no camiño ao CD Barco (3-1), mentres que o Ourense CF eliminou ao Arosa SC (2-1).
Ambos equipos van desembarcar en Balaídos con toda a artillería. Os dous adestradores poderán contar con todos os seus efectivos para poñer o broche de ouro a un curso extraordinario.
Cómpre salientar que se os 90 minutos regulamentarios rematan con empate non haberá prórroga nin penaltis, polo que neste caso será o mellor clasificado na liga regular, o Compostela, o que ascenda de categoría.