O torneo de fútbol sala celebrarase do 26 de xuño ao 2 de xullo e o de fútbol e fútbol 7, do 3 ao 9 de xullo. «Serán dúas semanas do mellor deporte no maior evento deportivo de Galicia e, posiblemente, de España», sostivo.
Precisamente a XVII Vigo Cup de fútbol basee engade este verán a primeira edición do campionato de fútbol sala, e entre ambos será case de medio milleiro o número de equipos participantes, entre os de fútbol (200) e os de fútbol sala (280), segundo as estimacións dos organizadores. En total, entre deportistas, árbitros, técnicos, voluntarios «haberá máis de 6.700 participantes».
Caballero anunciou outra novidade pero exclusiva do torneo internacional de fútbol e fútbol 7: os campións e finalistas da edición 2016 que se inscriban na de este ano irán directamente á fase final sen necesidade de xogar a liguiña clasificatoria. «O concelleiro dime que con isto lle damos máis emoción e confío que si», apuntou o alcalde.
Para o xefe do goberno local «este é o fútbol que máis quero, de verdade». Certo que felicitou a Coruxo, Rápido e Celta polos seus éxitos e recoñeceu que son «unha parte moi importante» do fútbol vigués, pero defendeu que «o importante son estes miles de mozos e mozas que gozan o torneo e que adquiren unha formación a través da disciplina no deporte».
Caballero estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, por organizadores dos dous torneos e por María Troncoso (Iberian Partners, Coca-Cola), Juan Andonegui (Frutas Nieves) e Pablo Tojeiro (New Balance), tres dos seis máis importantes sponsors xunto con Faro de Vigo, Gadis e PSA Groupe.
O prazo de inscrición das dúas competicións baixo a marca Vigo Cup está aberto e a organización espera contar con todos os clubs vigueses, pero tamén con entidades da provincia, algunhas do resto de Galicia (Santiago e Lugo no caso do fútbol sala) e unha representación doutras comunidades. Os dous torneos traballan arreo tamén para contar cun importante grupo de equipos de Portugal.