A Plataforma Via Galega, que agrupa máis de 60 asociacións culturais, sociais e deportivas presenta este xoves 18 de novembro en Vigo a exposición «Galiza, un pobo, unha selección». Trátase de 20 paneis sobre a traxectoria do deporte galego e a favor das seleccións nacionais galegas que se poden visitar desde este xoves ás 17:00 horas no Centro Veciñal e Cultural de Valadares (camiño de Pedregal, 6) de Vigo.
Esta mostra exhibirase en 35 cidades e vilas galegas durante este ano 2021 e o próximo 2022. A exposición foi comisariada polo xornalista Héctor Pena e será presentada en Vigo pola deputada provincial María Ortega, por Anxo Louzao e Nuno Galán Alves, de Via Galega. Pódese visitar do 15 ao 30 de novembro de 10:00 a 22:00 horas
Esta exposición encádrase nunha campaña que ten como obxectivo exixir o dereito a que Galiza poida competir profesionalmente e a nivel oficial en todos os deportes, tanto nas seleccións femininas como masculinas. Para alén disto, a campaña tamén pretende contribuír a fortalecer a autoestima e a conciencia nacional mediante o deporte; potenciar os deportes galegos, a súa historia e a importancia para a nosa cultura; incidir na galeguización do deporte e impulsar a igualdade de xénero.