“Alén do Cosmos” conta o periplo vital de Santiago Formoso, un rapaz vigués que emigrou a Nova York a finais dos anos 60 e acabou gañando a vida como futbolista do lexendario New York Cosmos, xunto a estrelas coma Pelé, Beckenbauer, Carlos Alberto ou Johann Cruyff.
Formoso marchou coa súa familia a Estados Unidos cando só tiña 15 anos. Antes, en Vigo, xogara ao fútbol no Santa Mariña. En Newark proseguiu a súa carreira no instituto e recibiu unha bolsa da Universidade de Pensilvania. Máis tarde lograría dar o salto ao fútbol profesional e desempeñar unha prolífica carreira como lateral esquerdo que lle levou a xogar xunto a grandes figuras na época de maior apoxeo da liga de ‘soccer’ en Estados Unidos, que foi entre 1975 e 1980.
Pedro Pablo Alonso explica neste documental como fichou polo Cosmos este emigrante vigués, que unha vez retirado do fútbol dedicouse ao mundo do transporte en Estados Unidos. Formoso é hoxe un galego-americano máis dos moitos que viven en Queens ou Newark, cunha interesante experiencia que contar sobre o deporte, o negocio en que este se converteu e a vida concebida como espectáculo.
O documental levouse a cabo grazas a un ‘crowdfunding’ e comezouse a gravar en xuño de 2013, con localizacións a cabalo entre Newark, Nova York e Vigo.
A estrea terá lugar este xoves 1 de decembro no Auditorio do Concello de Vigo ás 20.00 da tarde, e nela estará presente o protagonista do documental, Santiago Formoso, que ten a súa residencia habitual nos Estados Unidos.