O estadio de Balaídos podería acoller de novo un partido con público máis de cinco meses despois do Celta-Leganés, último encontro con afeccionados nas bancadas. Sería o vindeiro 25 de xullo, festivo co gallo do Día de Galicia, no que se disputará a final da fase de ascenso autonómica á Segunda División B. Este formato especial da competición bota a andar esta fin de semana (18 e 19 de xullo) coas semifinais (Compostela-Barco e Ourense-Arosa). O duelo decisivo xogarase o sábado seguinte.
Esa data podería converterse na do regreso dos seareiros ás bancadas de Balaídos. A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) desvelou este xoves que está “en permanente contacto” coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para estudar a posibilidade de que a final do 25 de xullo poida celebrarse a porta aberta. “A próxima semana haberá máis contactos”, indica a RFGF. Polo de agora, non transcenderon detalles de cal sería o protocolo de acceso ao estadio nin o límite de aforo que se imporía.
O que si é seguro é que as semifinais disputaranse sen público, tal e como vén de ratificar a Xunta Directiva da entidade que preside Rafael Louzán. Esta mesma medida tamén se confirmou para as fases de ascenso da especialidade de fútbol sala (Terceira División Masculina e Segunda División Feminina).
A Real Federación Galega de Fútbol sostén que adoptou esta decisión “co único e principal obxectivo de preservar as máximas garantías sanitarias e de seguridade de todas as persoas participantes, e coa finalidade de cumprir coas medidas das autoridades sanitarias para a eventual celebración de competicións en vixilancia sanitaria pola Covid-19, como polo protocolo deseñado pola RFEF para o play-off exprés”.