Carlos Caloi iniciouse no Choco dende ben cativo -con ‘Paco Periquito’ de adestrador- e cando Santa Mariña aínda era un campo de terra. De seguido pasou ás categorías inferiores do Celta, onde estivo anos ata volver a Redondela como cedido en idade xuvenil. Non obstante, xa sería de sénior onde viviu algúns dos seus mellores momentos como futbolista. Chegou ó equipo en Preferente e ascendeu a Terceira División, onde estivo unha tempada ás ordes de Jacobo Montes.
Cun papel moi destacado, chegoulle a oportunidade do fútbol profesional en Finlanda hai dúas tempadas e, tras iniciar esta campaña no Coruxo, regresa a Redondela para volver a vestir unha camisola coñecida e familiar.
Carlos Caloi volve ó Choco dende o Coruxo e indica que «quería xogar, un futbolista sen minutos perde as ganas e a ilusión e quero recuperar iso e sentirme xogador. Levo adestrando co equipo dúas semanas e estou moi cómodo, coma se nunca me marchase». O futbolista recoñece que «ao final, o Choco é o meu club, é onde crecín e creo que onde máis anos pasei. Cheguei aquí e atopei todo coma se nada pasase. En lugar de Jacobo está Marcos e Iván segue de presidente. No vestiario houbo cambios, pero a xente de ao redor segue toda. Espero axudar no que poida».
Caloi xa vestiu a camisola do Choco na presentación e recoñece que volver ao equipo é diferente porque «sempre é especial, é o club do que son afeccionado de toda a vida, é o club do pobo, é o meu club. Sempre hai nerviosismo, mentiría se digo que non é especial, claro que o é. Imos á normalidade e non hai tempo para pensar noutras cousas porque hai que puntuar desde o domingo».
No aspecto deportivo, Caloi recoñece que a situación non é boa e indica que «o obxectivo é salvarse canto antes. Non imos conseguilo xa porque o equipo está metido abaixo e a dinámica non se cambia da noite para a mañá. A miña idea é ir a Vilalonga e sacar os tres puntos». De feito, ou futbolista quere saltar ao céspede canto antes: «Quero xogar, quero ser importante e, a partir de hoxe, xa estou dispoñible para que Marcos póñame a xogar».