A comezos de outono, grazas ás relacións persoais nunha vila pequena como Redondela, entrou en contacto un directivo do Choco con Pilar Martínez, da ONG redondelá Da Man. Tras unha conversa informal, o club puxo a disposición da entidade solidaria unhas equipacións practicamente novas que quedaron sen uso. Ademais son prendas deportivas de boa calidade.
A partir de aí, unha vez entregadas, foi a ONG Da Man a que realizou o seu habitual traballo para facer chegar as prendas de roupa ata Senegal. Nos últimos días, a familia do Choco recibiu as fotografías nas que os rapaces do país africano gozaban das prendas de roupa doadas pola entidade.
“Un pequeno xesto que fai feliz ós cativos”
Iván Crespo, presidente do Choco, indicou que “é un pequeno xesto que custa moi pouco e que fai feliz ós cativos que o precisan. Foi unha ledicia cando nos chegaron as fotografías”. Deste xeito, o club colaborou cunha causa solidaria e agora os rapaces de Senegal teñen unhas camisetas para utilizar nas súas saídas á praia e as diferentes actividades que realicen na vida cotiá.
O Choco tamén destaca o gran traballo que realiza unha organización como Da Man e os seus voluntarios porque, de xeito desinteresado e poñendo toda a vontade do mundo, axudan a persoas que realmente o precisan e, especialmente, ós nenos.