A actuación desenvolvida, que ascende a 340.821,58 euros e consistiu na renovación do céspede artificial e na mellora da eficiencia enerxética, enmárcase no convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Vigo para a renovación de instalacións deportivas na cidade, cuxo orzamento total ascende a preto de 9,5 millóns de euros.
Tras descubrir a placa conmemorativa, Carmela Silva enxalzou a importancia do deporte como a auténtica “revolución do século XXI” e fixo fincapé na necesidade de contar con infraestruturas axeitadas para a práctica deportiva, “porque é un dereito da xente e sobre todo das rapazas e rapaces máis novas e novos”. Pola súa banda, Abel Caballero quixo salientar a súa “satisfacción pola apertura do campo que ten novo céspede e novo sistema de iluminación”. O alcalde vigués agradeceu a Silva “a súa aposta por melloras como esta que está a acometer na cidade e que mostran que, agora si, a Deputación é unha aliada de Vigo”.
En liñas xerais a actuacións desenvolvida en Candeán, executada por Prace Servicios e Obras SA, consistiu na mellora do terreo de xogo coa substitución do céspede artificial do campo por outro novo, con materiais de última xeración. Tamén se levou a cabo a renovación das instalacións de iluminación do terreo de xogo e produción de calor, cunha caldeira ecolóxica de biomasa,, a fin de reducir o consumo de enerxía eléctrica, os custes enerxéticos e os impactos ambientais debidos ao consumo de produtos enerxéticos.
A través deste convenio entre a Deputación e o Concello para a mellora das instalacións deportivas na cidade, cun orzamento superior aos 9,5 millóns de euros, amais da reforma do campo de fútbol de Candeán, tamén se inaugurou o da Bouza, o Baltasar Pujales, o de Meixueiro e está rematado o de Navia. Amais, foron adxudicadas as obras para os campos de Monte da Mina, San Andrés de Comesaña e Sárdoma, están a piques de licitar os da Guía e Fragoselo. Xunto aos campos municipais, a través do convenio entre a Deputación e o concello de Vigo tamén se construíu o novo pavillón deportivo cuberto en Romil e estanse a executar outras infraestruturas na cidade como o pavillón cuberto en Quirós en Sárdoma.