Galicia foi a mellor na final, aínda que Melilla non llo puxo doado. Xa na fase de grupos houbera que recurrir á tanda de penaltis para decidir o gañador do encontro. Na final todo parecía máis doado despois do 3-0 nos primeiros minutos, pero conforme foi avanzando o encontro as melillenses foron recurtando distancias, ata empatar a tres minutos para o final (5-5). Pero a reacción galega foi inmediata e un gol de Sara volvía a poñer a Galicia por diante, aguantando sen sobresaltos ata o pitido final, momento no que se desatou a euforia no equipo galego que dirixe José Benito Pastoriza ‘Beni’.
A xogadora galega Andrea Mirón ‘Polly’ foi elixida como a mellor xogadora do campionato. Ademais houbo premio para as nosas dúas porteiras porque foi a selección menos batida do torneo.
Forman parte desta exitosa selección galega de fútbol praia oito xogadoras de Vigo e comarca: Ana González ‘Anita’, Andrea Mirón ‘Polly’, Sara Tui, Carolina González, Natalia Francisco, Raquel Lago ‘Xavi’, Karen e Eva Bermúdez. A plantilla complétase coas ourensás Vanessa, Marta e Andrea.
O corpo técnico compoñeno Benito Pastoriza ‘Beni’ (seleccionador), Quique Sánchez (axudante), Alba Rodríguez (fisioterapeuta) e Manuel Pan ‘Pino’ (encargado de material).
Doutra banda, este domingo deuse a coñecer a convocatoria da selección española para a I Euro Beach Soccer Women Cup–Mundialito que se vai disputar en Cascais a vindeira fin de semana. E nesa convocatoria hai catro xogadoras galegas: Polly, Eva Bermúdez, Sara e Carol.