O Programa de Talentos é o sistema acordado polo CTA Nacional para conseguir o ascenso a Segunda B e no que participan todos os árbitros de Terceira División menores de 30 anos. O programa está dividido en cinco fases que deberá ir superando todo colexiado que ansíe acadar a categoría de bronce do fútbol español.
Un total de 17 aspirantes participaron na primeira fase que supervisou o Comité Galego de Árbitros e dos que tan só seis accederon á segunda fase. Eses elixidos foron, xunto ao vigués Juan Luis Davila, Daniel Pastoriza Iglesias (Pontevedra), Alberto Gómez Lameiro (Pontevedra), Alejandro Ferreiro Méndez (Lugo), Iván Abel Bruzos (Lugo) e Miguel Ferrol Muñiz (Santiago).
Os seis candidatos ó ascenso deberán superar os controis físicos e técnicos establecidos polo CTA Nacional para acceder á terceira fase, da que se clasificarán tres árbitros á cuarta fase a celebrar os días 5 e 6 de maio.
O responsable do Programa de Talentos en Galicia, Julio Amoedo Chas, organizou na sede do CTA unha xornada de repaso para os árbitros talentos, coa presenza do presidente Bernardino González Vázquez.