O evento terá como lema ‘Un neno, un quilo’, debido a que cada xogador que participe no Torneo de Semana Santa debe entregar, como mínimo, un quilo de alimentos non perecedoiros. Todo o recollido será para a asociación Cáritas, que dispón dun grupo en Redondela, e que os destinará ás persoas con necesidade.
Ademais, a entidade tamén habilitará uns petos durante o evento en varios lugares de Santa Mariña para realizar unha colleita de fondos colectiva entre participantes e, sobre todo, os familiares que acudan ó campo de fútbol. A recadación será para a Asociación Española contra el Cáncer, que leva moitos anos realizando actividades na loita contra esta enfermidade que afecta a milleiros de persoas.
Iván Crespo: “Queremos axudar”
O presidente do Choco, Iván Crespo, expresou sobre estas iniciativas que “como club queremos axudar na medida do posible ás persoas con necesidade. Estas dúas accións son un pequeno esforzo para nós, pero a recompensa para os beneficiarios é grande. Por iso pedimos a todos os equipos que se anoten ó evento e que se unan a estas iniciativas”.
O torneo de Semana Santa celebrárase o vindeiro xoves santo (prebenxamín e benxamín) e venres santo (alevín e infantil de primeiro ano). A modalidade infantil será para fútbol 11 e as outras para a modalidade de 8 futbolistas. Os interesados en anotarse poden dirixirse ó correo electrónico c.d.choco@hotmail.com ou poñerse en contacto con Marcos Montes, director deportivo do Choco.