A Federación Galega prepara unha nova competición de equipos femininos de canteira e o Choco desexa participar nesta iniciativa. Por este motivo, a dirección da entidade vén de facer un chamamento ás familias e tamén as propias rapazas para incrementar o número de nenas no club.
A entidade de Redondela busca rapazas entre os 6 e os 12 anos para poder completar unha formación ampla de nenas no club e que, no futuro, poidan seguir o camiño de María Figueroa, que tras completar a súa formación no club nas categorías base do club este verán enrolouse no Matamá, de Segunda División feminina.
Iván Crespo, presidente do club, entende que “para crear un equipo feminino é preciso comezar dende abaixo, o que pasa por configurar unha estrutura sólida como nos equipos masculinos”. Por este motivo aplaude e comparte o paso dado pola Federación Galega de apostar polo fútbol de mulleres dende as categorías máis baixas.