Couñago ten unha longa traxectoria no mundo do fútbol. Canteirán do Celta tras saír do Casa Paco, foi campión do mundo sub-20 con España. Posteriormente pasou ó primeiro equipo do Celta e viviu os seus mellores anos de fútbol na primeira e na segunda división de Inglaterra no Ipswich Town e no Crystal Palace. Tamén xogou no Málaga en España na máxima categoría.
Esta é a segunda etapa do punta no Choco tras ser un dos protagonistas no regreso do equipo á Terceira División da man de Jacobo Montes. Agora é o seu irmán Marcos o que dirixirá ao dianteiro de Redondela. Un dos mellores futbolistas que deu a localidade e que, ademais, mantén as súas raíces na Vila dos Viadutos.
Para celebrar o regreso ao equipo da súa vila de nacemento e residencia, Pablo Couñago realizou unha visita ós nenos do campus de verán do Choco que se celebra en Santa Mariña. O xogador compartiu as súas experiencias no mundo do fútbol cos máis pequenos antes de realizar a fotografía oficial de presentación. A súa traxectoria, os momentos bos e os malos e tamén os mellores futbolistas cos que compartiu vestiario foron algunhas das preguntas feitas polos cativos.