A exposición ‘Galiza, un Pobo, unha selección’, organizada por Vía Galega e coa colaboración da Deputación de Pontevedra, está dende este xoves aberta á cidadanía de Vigo no CVC de Valadares co obxectivo de reivindicar o dereito de Galiza a competir a nivel oficial e internacional en todas as disciplinas deportivas e o dereito das galegas e galegos “a sentir as nosas cores, cantar o noso himno, vibrar como público coas nosas seleccións e izar a nosa bandeira”.
Na presentación da exposición estiveron o coordinador de Vía Galega en Vigo, Nuno Galán, que fixo de anfitrión, o portavoz da plataforma social Anxo Louzao, e a deputada de Lingua, María Ortega. Todos eles salientaron a necesidade de galeguizar o deporte e de reivindicar a Galiza como pobo con soberanía plena tamén no deportivo demostrando “que somos unha potencia”.
Vía Galega, plataforma constituída por 61 entidades, ten en marcha unha campaña –da que forma parte a mostra- que ten como obxectivos esixir o dereito de Galiza a poder competir a nivel oficial e internacional en todas as disciplinas deportivas; reivindicar as seleccións deportivas galegas, tanto masculinas como femininas, en todos os deportes colectivos como un dereito do Pobo galego; contribuír a fortalecer a autoestima e a conciencia nacional mediante o deporte; pór en valor e potenciar os deportes autóctonos; amosar a potencialidade no ámbito deportivo do país e coñecer a historia deportiva e a importancia para a cultura; galeguizar o deporte galego e promover a normalización; impulsar a igualdade de xénero e a cohesión social nun ámbito como é o deporte; ademais de poñer en valor o deporte de base e potenciar os deportes autóctonos.
Ademais da exposición, que pasará por 35 localidades e consta de 20 paneis explicativos divididos en 17 bloques temáticos, a campaña en favor das seleccións deportivas galegas susténtase tamén nun manifesto, na publicación dunha revista, un xornal nun vídeo- documental, unha canción reivindicativa, e diferentes palestras por todo o país.
Segundo explicou Louzado, Galiza “parte dun contexto, a falta de soberanía nacional, que impíde participara oficialmente, sendo incluso perigoso, competir coas nosas cores, a pesares de sermos referentes e unha potencia a nivel internacional en distintas disciplinas deportivas, tal como se demostrou nos últimos Xogos Olímpicos. A pesares diso, Galiza segue ausente dos podios e a nosa bandeira invisibilizada”.
O voceiro de Vía Galega subliñou que “só coas nosas seleccións e os nosos deportistas nos vemos representados como país que somos. Son un símbolo de identidade dun pobo. Un elemento de cohesión social e integración”. Na mesma liña, criticou que o goberno do PP tumbou incluso a posibilidade de disputar competicións amigábeis logo do rexurdir da selección de fútbol, que tivo no 2005 no partido entre Galiza e Uruguai en San Lázaro un dos seus momentos máis lembrados.
Pola súa banda, María Ortega, quixo participar na inauguración da exposición para amosar o seu apoio e o soporte provincial á campaña. Indicou a súa total coincidencia coa reivindicación de que “Galiza sexa dona de si e manteña relacións de igualdade cos demais pobos do mundo” e destacou que é preciso facer valer dereitos colectivos para tamén acadar dereitos individuais.
“Formamos parte dunha nación que debe ter vontade de exercer como tal. Temos que desenvolver as nosas potencialidades, e está claro que o deporte é unha delas, sendo como é ademais unha actividade que xera vínculos e símbolos que reforzan a identidade colectiva”, apuntou.
Sinalou tamén a importancia do deporte como axente normalizador da lingua galega e agradeceu proxectos e actividades como a impulsada por Vía Galega. “Que o noso deporte fale galego é un valor a coidar e defender. Ninguén, nin na elite, vai ter problemas na súa traxectoria por utilizalo, máis ben supón un plus”, salientou.