Un grupo de adestradores galegos xa está nas Maldivas para desenvolver un proxecto que impulsará o fútbol base no país tropical. A expedición desembarcou recentemente para implantar a súa experiencia da man de Real Hispania MS2, entidade dirixida polo excéltico Míchel Salgado. Esta empresa asinou un acordo coa Football Association Maldives para impulsar o fútbol de base nas illas.
O programa de actuación, que se desenvolverá por fases ata completarse en seis anos, arrincou cun primeiro paso no que se desenvolverán 18 academias de fútbol por todo o arquipélago e un HPC (High Performance Center ou Centro de Alto Rendemento) en Malé, a capital.
Nesta etapa inicial, un total de 8 profesionais (7 galegos e 1 portugués) integra o grupo de traballo: Blas Charlín (coordinador xeral), Fran Caínzos, Abel Lorenzo, Jhon Ríos, Iñaki Cabaleiro, Eduardo Gonçalves, Anxo Oliveira ‘Pacho’ e José Valera (fisioterapeuta). Entre os labores que realizarán están a selección, captación e adestramento de novos valores desde os 8 aos 18 anos, asesoramento e formación de técnicos locais, participación en torneos internacionais, etc.
A presentación do proxecto ante os medios de comunicación do país tivo lugar a pasada semana e no acto, ademais dos integrantes da Federación de Maldivas, tamén estivo presente Míchel Salgado, ademais dos 8 adestradores que participarán na posta en marcha desta primeira fase do proxecto.