O partido xogarase en Galicia, pero a Federación Galega de Fútbol (FGF) aínda non confirmou cal será o escenario. Barállanse as cidades de Vigo e A Coruña, aínda que as obras de remodelación de Balaídos poderían dificultar que o partido se xogue neste estadio.
O traballo da FGF fructificou fai unhas semanas cun acordo coa Federación Venezolana de Fútbol, o cal non puido ser anunciado á espera da presentación do novo seleccionador venezolano, Rafael Dudamel, que foi confirmado este venres en Caracas como novo Director Técnico da “Vinotinto”.
Desde un primeiro momento, A xunta directiva da FGF considerou como unha oportunidade histórica o regreso da selección galega absoluta, principalmente polo excelente nivel que están a mostrar os futbolistas da comunidade tanto nos principais equipos galegos como no resto dos clubs do fútbol español e do estranxeiro.
“Estamos posiblemente ante a mellorxeración de futbolistas galegos da historia do noso fútbol”, destaca o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.
Xogadores como Iago Aspas, Hugo Mallo, Sergio Álvarez, Pedro Mosquera, Lucas Pérez, Diego López, Denis Suárez, Iago Falqué, Joselu, Rodrigo, Roberto Trashorras, Lucas Vázquez ou o internacional sub21 Jonny son exemplos que reflexan o nivel da selección.
Durante a presentación do novo director técnico Rafael Dudamel, a Federación Venezolana de Fútbol confirmou que viaxará a Europa para xogar fronte a Galicia como parte da súa preparación para a Copa América Cententario, na que teñen depositadas moitas esperanzas, logo de ser semifinalistas na edición de 2011. Este ano a competición dispútase en Estados Unidos, e Venezuela quedou encadrada no grupo C con México, Uruguay e Jamaica.
Salomón Rondón, actualmente no West Bromwich Albion, ex do Málaga CF e do Zenit de San Petersburgo, lidera unha selección con xogadores de moito futuro, como Peñaranda do Granada CF, Juanpi do Málaga CF; ou tamén futbolistas recoñecidos coma o dianteiro do Rayo Vallecano Miku e o central do Nantes Vizcarrondo.
A elección de Venezuela responde ao interese da Federación Galega de Fútbol de poder rendir unha homenaxe á numerosa comunidade venezolana afincada en Galicia e, por extensión, a toda Latinoamérica, coñecida como a quinta provincia galega.
Nos vindeiros días a Federación Galega de Fútbol dará máis ampliación a esta importante noticia para Galicia e outras que se están concretando estos dìas.