A principal protagonista é Zulema González, que actuará como árbitra principal e estará auxiliada nas bandas por Elena Casal e Alicia Andrés. A ourensá afincada en Vigo Zulema González, adscrita á Delegación de Vigo, converteuse nesta tempada na primeira árbitra galega en pitar nunha categoría nacional, neste caso a Terceira División. Mentres, Elena Casal é Alicia Andrés imparten xustiza na Preferente de Galicia.
Pouco a pouco, as mulleres toman relevancia na arbitraxe galega. Esta está reflectida neste feito histórico e tamén na presenza de Yolanda Parga como gran referente da arbitraxe feminina galega (é asistente en Segunda A) e o ascenso de Tania Fente Pena a Segunda B (asistente), que amosa o excelente nivel das colexiadas galegas.
Zulema González (que alcanzou tamén a categoría nacional en fútbol praia) é sobriña de Manuel González (que foi asistente de Segunda División) e de Bernardino González (exárbitro internacional e na actualidade delegado para a UEFA e a Federación Española de Fútbol).
González, nacida en Ourense en 1992, ten un brillante futuro por diante e espera poder seguir subindo chanzos no mundo do fútbol masculino, ata agora un territorio practicamente vedado para as mulleres.