«Un novo fito da tecnificación do deporte galego«, así cualificaron os representantes da Xunta o Núcleo de Adestramento Especilizado da Federación Galega de Surf en Nigrán. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa definiu ao NADE como “o centro de excelencia e tecnificación de todo o surf que se fai en Galicia”. “35 anos despois da inauguración do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, seguimos medrando con novos centros satélite que garantan futuros éxitos do deporte galego, pero sobre todo, unha vida activa e saudable para os nosos cidadáns e cidadás”, apuntou. O NADE de surf foi bautizado pola federación como ‘Calidade surfing’.
No seu discurso, Lete Lasa, agradeceu o traballo da Federación Galega de Surf e de todo o tecido do surf galego que, ao longo da súa historia, desde que os tres primeiros surfistas galegos botáranse ao mar en 1969 acadou grandes fitos. Entre estes logros destacou un dos eventos máis importantes do planeta como o Pantín Classic, unha das probas da competición júnior máis importante do mundo como o Qualifying Series 1.000 Gadis Junior Pro Ferrol, os catro anos consecutivos nos que o Campionato de España de surfing leva visitando Valdoviño, o primeiro campionato de España de surf adaptado na praia de Patos ou a gran lista de deportistas galegos que contan cunha gran traxectoria no surf nacional e internacional. Deste xeito mencionou a pioneiros como Gony Zubizarreta ou Vicente Romero, pero tamén a Esperanza Barreras, bicampioa mundial de SUP-Race; Guillermo Carracedo, campión de España de SUP-Ondas e sétimo do mundo; Iago Formosel, subcampión de España de longboard; Juan Fernández, campión de España de ondas grandes; Milo Castelo, campión de Europa Máster ou José Dopico, campión de España de surf adaptado.
A esta lista de campións, dixo, “súmanse a partir de hoxe os seis rapaces e rapazas de entre 14 e 18 anos que entran a formar parte do Núcleo de Adestramento Especializado de Surf”. O secretario xeral animou a Manuel Fernández López, Sebastián Baamonde Amenedo, Martín Fernández González, Iván Rodríguez Portas, Lucía Martínez Bermúdez e Claudia Prieto Sapena a “traballar sen descanso para chegar o máis lonxe posible e, quen sabe, se algún día converterse nos primeiros surfistas españois que compiten nuns Xogos Olímpicos”.
Pola súa banda, a delegada da Xunta, Marta Fernández- Tapias destacou as magníficas condicións de Vigo e a súa área para a práctica de calquera actividade física, pero tamén para impulsar a tecnificación dos deportistas de elite. Neste sentido, agradeceu o traballo de todo o tecido deportivo do surf e augurou moitos éxitos aos rapaces e rapazas do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado de Nigrán.
Ademais dos 30.000 euros que a Xunta de Galicia concede á Federación Galega de Surf polo proxecto do NADE, na convocatoria específica de equipamentos deportivos, os NADE contan cun peso específico baremado en 20 puntos, polo que terán máis posibilidades de recibir o material solicitado.
NADE
O pasado 20 de decembro o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución do 3 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se dá publicidade aos recoñecementos dos núcleos de adestramento deportivo especializado no ano 2021. Os NADE son o conxunto de medios humanos e materiais xestionados por unha federación deportiva, club deportivo ou sociedade anónima deportiva inscrita no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, que teñen por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo. Trátase, en definitiva, do recoñecemento e apoio da labor dos axentes deportivos no ámbito da tecnificación, así como tamén de identificar e reter o talento deportivo que se atopa diseminado polos clubs do territorio da Comunidade Autónoma.
Os proxectos recoñecidos correspóndense co interese estratéxico deportivo da propia Comunidade Autónoma, encamiñado á participación dos deportistas galegos e das deportistas galegas en xogos olímpicos ou paralímpicos, campionatos do mundo, campionatos de Europa e outras competicións internacionais de máximo nivel.
Ademais do Núcleo de Adestramento Especializado de Surf, en Nigrán, recoñecéronse outros cinco NADE correspondentes ao Club Kayak Tudense, o Club Boxeo Kick Boxing, a Federación Galega de Hóckey e a Federación Galega de Squash. O investimento da Xunta de Galicia nestes cinco NADE acada os 150.000 euros.