Con esta actividade, Máis que Auga pretende dar a coñecer un deporte que conta cada vez con máis seguidores dentro da poboación viguesa, principalmente como unha actividade de ocio. Estas clases están dirixidas a todo tipo de público, dende as persoas que nunca practicaron o pádel a aquelas que xa teñen un certo coñecemento do mesmo, que poden ter interese en acudir á escola. As clases terán unha duración dunha hora, impartidas polos monitores da escola (todos eles titulados) e serán en horarios de tarde (durante os días laborais) e mañá e tarde (sábados e domingos).
Durante a fin de semana haberá clases de adultos e nenos á vez, para que poidan acudir pais e fillos a clase xuntos. A inscrición debe realizarse de forma individual na páxina web de Máis que Auga, indicando idade, días e horarios preferentes, para poder organizar as clases. Esta actividade xa se celebrou en anos anteriores, con máis de 200 participantes, polo que este ano Máis que Auga decidiu ampliar o número de prazas e horarios para acoller a máis interesados.