Preto dunha vintena de mulleres deportistas e entidades vinculadas a este ámbito foron galardoadas na gala organizada pola Deputación de Pontevedra e impulsada pola Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá), un evento que ten por obxectivo darlle máis visibilidade aos triunfos que cada ano colleita o deporte feminino galego para que sexa máis recoñecido pola sociedade. A Gala converteuse tamén nun canto unánime á igualdade que estivo presente nas intervencións das autoridades asistentes como o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, a presidenta de Mudegá, Mercé Barrientos, o secretario xeral do Deporte, Lete Lasa, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
Silva, que recolleu o premio á “institución pública amiga do deporte feminino” pola súa promoción da igualdade en todas as disciplinas deportivas, quixo nomear a cada unha das deportistas premiadas “porque o que non se nomea non existe”. A presidenta lembrou “o moito que nos custa todo ás mulleres e especialmente no deporte, para acadar o que nos pertence, porque somos o 52% da poboación e queremos a metade de todo. É querémolo agora, engadiu, porque xa son chegados os tempos”. Carmela Silva sinalou que “o deporte tivémolo vetado pero tamén é certo que cando chegamos somos unha forza imparable. Os grandes éxitos deportivos no noso país teñen nome de muller, o medalleiro ten nome de muller, aínda que non ocupemos os espazos mediáticos que merecemos”. Silva agradeceu a Mudegá o seu traballo “para que esta gala se realice, a gala máis importante que se fai orque amais de recoñecer a mulleres potentísimas, é un berro reivindicativo que aínda é necesario e que será necesario algún tempo máis. Temos avanzado moito, dixo, pero ese avance ten que ser o noso impulso para seguir a loitar“
Ao longo do gala entregáronse galardóns en quince categorías que premiaban distintos aspectos deportivos. A atleta ribeirense Ana Peleteiro foi proclamada “Mellor deportista feminina” e recoñeceuse o seu gran salto internacional no 2018, ano en que logrou a medalla de bronce no Mundial de Pista Cuberta de Birmingham e o bronce no Europeo ao aire libre de Berlín. As xogadoras de fútbol Tere Abilleira e Malena Mieres, campioas de Europa sub 19, foron premiadas como “Mellor deportista feminina galega”. A longa carreira deportiva de Nieves Gamallo recoñeceuse co “Premio á traxectoria”, por ser todo un referente no balonmán feminino galego, no que foi xogadora, adestradora, delegada e fundadora dun club. En canto á categoría de “Mellor deportista feminina con diversidade funcional” a galardoada foi Susana Rodíguez Gacio tras coroarse como campioa do Mundo de paratríatlon en Gold Coast e subcampioa de Europa.
O premio ao “Mellor equipo feminino” foi para ao Atlético Guardés, que acadou o título da Liga na máxima categoría do balonmán feminino en 2017 e, ao ano seguinte, quedou como segundo clasificado. O galardón a “Mellor club” recolleuno o Cidade de Lugo Fluvial polos seus éxitos no 2018: Campioas da Liga Nacional de Clubs de Tríatlon, campioas de España de Dúatlon por clubs, campioas da Copa do Rei de tríatlon e sextas no Campionato de Europa de Tríatlon por clubs.
Carla Abad foi recoñecida como “Mellor adestradora do deporte feminino” , ao ser a técnica de Balonmán Cañiza e seleccionadora galega infantil feminina, coa que acadou a medalla de bronce no campionato de España 2018. Zulema González, galega de Terceira División e árbitra da primeira categoría de fútbol feminino, converteuse na “Mellor árbitra”. Tamén a directiva do Burela F.D. obtivo o recoñecemento de “Mellor directiva” por facer historia ao asinar o primeiro convenio colectivo de fútbol sala feminino. Ademais, o premio a “Medio de comunicación amigo do deporte feminino” concedeuse ao Faro de Vigo e ao Diario de Pontevedra.
O premio para a “Entidade privada máis colaboradora co deporte feminino” foi para Rodosa, unha empresa que patrocina tanto a deportistas como a clubs femininos e eventos deportivos. O de “Institución pública amiga do deporte feminino” foi para a Deputación de Pontevedra, pola promoción do igualdade no deporte. En “Mellor iniciativa a prol do deporte feminino” o premio recaeu na Escola de Fútbol Feminino Rosalía (Ourense), fundada en 2018 para dar saída a todas esas nenas que queren xogar ao fútbol e non atopaban acomodo noutros clubs.
No transcurso da gala, tamén se fixo entrega dunha mención especial á esgrimista Judith Rodríguez, que o pasado ano, volvendo da disputa dun campionato, sufriu un grave accidente de tráfico, do que se está a recuperar. Ademais, a título póstumo, o deporte feminino galego homenaxeou a Manuel González Soto, ex presidente do Chapela de balonmán, pola súa aposta polo balonmán feminino, e a Micalea Sinde, que levou a bandeira galega ata o Polo Norte e apostou polo deporte na loita contra a enfermidade.