O programa Augaventura ten xa dúas décadas de historia, unha proposta da Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo que ten como obxectivo achegar á comunidade universitaria a práctica de actividades deportivas e lúdicas tanto no mar como nos ríos de Galicia. Trátase de ofrecer, nas súas dúas edicións de outono e primavera, a oportunidade de iniciarse en modalidades acuáticas que, doutro xeito, require contar con material deportivo especializado e custoso. Para esta edición de primavera o programa comprende oito modalidades diferentes: flyboard, descenso de rápidos (rafting), kaiak+snorquel+andaina, surf, wakeboard, windsurf e mergullo, sendo o pedal surf a principal novidade desta edición.
O prazo de inscrición para as diversas actividades está xa aberto a través do Campus Activo. Os prezos varían segundo sexa para membros da comunidade universitaria, para familiares directos e comunidade alumni ou para colectivos vencellados á UVigo. Ademais, poden beneficiarse dun 20% de desconto todas aquelas persoas que teñen o abono Muver activo.
Pedal Surf
O pedal surf é unha nova disciplina na que se emprega unha táboa semellante á do paddle surf pero con guiador e pedais, de modo que en lugar propulsarse con remos, faise coa forza das pernas. As persoas que queiran probar esta nova proposta poderán facelo o 26 de abril e o 10 de maio no peirao de Bouzas en colaboración coa empresa Galping. Os prezos varían entre os 10€ para os membros da comunidade universitaria, 15€ para persoas vencelladas e 20€ par ao público xeral. Esta modalidade “revolucionaria, ecolóxica e divertida”, como explican dende a organización é a principal novidade de Augaventura Primavera, e agardan que teña moi boa acollida.
Flyboard
O flyboard é unha das últimas actividades en sumarse a este programa e nela emprégase unha táboa suxeita aos pés cunhas botas que propulsan un chorro de auga controlado que permite elevarse sobre o mar chegando incluso aos 12 metros de altura. As persoas interesadas en probar esta disciplina poden elixir entre dúas datas, 23 de abril e 7 de maio, ambas a partir das 10.00 h no Peirao de Bouzas en colaboración coa empresa Tierra y Mar. Os prezos varían entre os 20 euros para os membros da comunidade universitaria, 30 euros para outras persoas e colectivos vencellados ás UVigo e 40 para a cidadanía en xeral. Sobre estes prezos aplicaríase un desconto do 20% para persoas da comunidade universitaria con abono Muver.
Descenso de rápidos (rafting)
O descenso de rápidos ou rafting é unha das propostas que nunca falta na oferta de actividades de Augaventura. Desta volta haberá dúas quendas para o descenso de rápidos no río Miño, ao seu paso por Arbo. En colaboración coa empresa Arrepións, as persoas interesadas poden elixir entre o 15 e 29 de outubro en horario de mañá en ambos casos. A inscrición na actividade, que varía entre 15€, 22,50€ e 30€, inclúe o transporte ata o punto de encontro sempre e cando se complete un microbús entre as persoas participantes de Pontevedra e Vigo. As persoas participantes deberán levar roupa de baño, toalla, tenis para mollar e útiles de ducha, o resto do equipamento (casco e chaleco homologado, traxe e escarpíns de neopreno de 5 mm.) corre a cargo da empresa.
San Simón en tres modalidades
Un ano máis, a illa de San Simón será o escenario dunha das propostas máis completas deste programa, a que combina kaiak, snorkel e andaina. Esta actividade, organizada en colaboración coa empresa Marexada, desenvolverase os días 30 de abril e 14 de maio en horario de mañá, consiste nunha travesía en kayak pola enseada de San Simón realizando diferentes paradas de interese para despois desembarcar na illa e visitar as súas instalacións e logo realizar unha pequena parada nos illotes de San Bartolomé e San Norberto para realizar mergullo de superficie (snorkel) e coñecer a auténtica lenda dos naufraxios de Rande.
Os prezos para esta actividade varían entre 20€, os 30€ e os 40€ e o punto de encontro será a praia de Cesantes, onde se procederá ao reparto de material e unha sesión de introdución á navegación en kaiak. É preciso levar roupa e calzado de baño, o resto do material (licra, neopreno, chaleco salvavidas, gafas e aletas) corre a cargo da organización.
Bautismo de surf
No caso do surf, as persoas interesadas poden elixir entre os días 24 de abril e 1 e 8 de maio, en horario de tarde. En colaboración con Prado Surf, este bautizo de mar terá lugar na praia de Patos e comprende unha hora para familiarizarse co material, as normas de seguridade na auga e realizar quecemento muscular e estiramentos e unha segunda hora que será para a práctica deportiva. Os prezos varían entre os 6€, os 9€ e os 12€ e inclúen a cesión do material, polo que tan só é preciso levar roupa de baño e toalla.
Wakeboard
Outra das propostas de Augaventura é o wakeboard, tamén coñecido como esquí acuático. En colaboración tamén con Tierra y Mar están programadas dúas datas: 24 de abril e 1 de maio a partir das 10.00 horas no peirao de Bouzas. As e os participantes deben levar traxe de baño, chancletas, toalla e útiles de ducha, xa que o material específico que poidan precisar está incluído no prezo, que varía entre os 10€, os 15€ e os 20€.
Windsurf
O windsurf é outras das actividades clásicas de Augaventura, que se oferta tamén en colaboración con Tierra y Mar en Bouzas. Para esa actividade as persoas participantes deberán levar traxe de baño, toalla, tenis para mollar e útiles de ducha e o resto do equipo facilitarao a empresa colaboradora. Están programadas dúas datas a elixir, o 21 de abril e o 5 de maio, en horario de 16.00 a 18.30 h. Os prezos van entre os 10€ para a comunidade universitaria aos 15€ ou 20€ para os outros colectivos.
Mergullo
No caso do mergullo, Augaventura ofrece dúas alternativas, o bautizo en piscina e o mergullo no mar, ambas en colaboración con Buceo Illas Cíes. A primeira terá lugar na piscina do campus de Vigo o 28 de abril de 16.00 a 18.00 horas e a matrícula varía entre 10€, 15€ e 20€. Para quen prefira o mergullo no mar, o lugar elixido son as illas Cíes e ofértanse dúas datas: 23 e 30 de abril en horario de mañá. Os prezos varían entre 40€, 60€ e 80€. Tanto para a actividade en piscina como no mar, é preciso levar traxe de baño, chancletas, toalla e útiles de ducha e o material de mergullo será proporcionado pola empresa colaboradora.