O atleta Alejando Gómez recibiu este venres a medalla de Vigués Distinguido de mans do alcalde, Abel Caballero, nun acto pechado que se celebrou nas dependencias da Alcaldía de Vigo. O alcalde puxo en valor a traxectoria de Alejandro Gómez e amosouse “orgulloso” de entregarlle a medalla no nome da cidade recoñecendo unha traxectoria profesional “excepcional”.
Alejandro Gómez foi 3 veces olímpico, 41 veces internacional con España, plusmarquista español xuvenil de 5.000 e 10.000 metros, campión de España de 10.000 metros en cinco anos, campión de España de media maratón dúas veces e de Cross tamén en dúas ocasións e ostenta a marca de España de maratón na súa primeira participación en Róterdam 1997.
Caballero sinalou que “queremos que a partir de hoxe teña a súa medalla de Vigués Distinguido e teña todo o aplauso da cidade aínda que a entrega, por razóns de seguridade sanitaria, teña que ser de forma discreta no número de asistentes, o que non resta ningún mérito ao galardón que recibe”.
O rexedor referiuse ao acto como unha “entrega singular” que se adianta ao acto co resto dos premiados este ano, que se celebrará proximamente.