Os participantes terán que realizar 250 metros de natación, 10 quilómetros de ciclismo e 2,5 de carreira a pe e para iso utilizarase a piscina de Máis que Auga e as bicicletas estáticas existentes no centro, mentres que a carreira a pe realizarase polos exteriores do centro. A organización dispuso a proba en quendas de 12 persoas que farán o seu tríatlon, que se rexerá pola normativa para probas indoor da Federación Española de Tríatlon. A área de transición realizarase na zona do pádel, onde tamén estarán instaladas as bicicletas para a disputa deste segmento. Toda a proba, que comezará ás 16:00 horas do sábado 11 de abril, será controlada por xuíces.
Ao remate da competición (18:30 horas), o triatleta vigués Antonio Serrat e o adestrador de tríatlon Omar González ofrecerán unha charla/coloquio na que desvelarán algúns dos secretos do seu traballo. A continuación se desenvolverá a entrega de premios, na que haberá trofeos para os tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina. No transcurso do devandito acto realizarase o sorteo de abonos e cursos gratuítos entre os participantes.
A empresa viguesa de xestión deportiva Máis que Auga inclúe esta actividade dentro do Programa de Dinamización Social que ten coma obxectivo prioritario ofrecer deporte en sociedade e familia.
Antonio Serrat é un dos catro deportistas galegos (Chano Rodríguez, Carlos Pérez Perucho, Susana Rodríguez e Antonio Serrat) cos que a empresa viguesa asinou un convenio de colaboración durante o presente ano. Serrat, en concreto, da un importante salto na súa carreira deportiva xa que por vez primeira competirá na categoría sénior. Na primeira proba importante do ano, a Copa de Europa de Quarteira, rematou na sétima posición.