O Concello de Vigo oferta este ano 5.000 prazas nas Escolas deportivas municipais, 500 máis que o ano pasado. Cun orzamento de 300.000 euros conta con 44 entidades deportivas adscritas que ofrecen 28 disciplinas deportivas diferentes. Tal e como indicou esta mañá o rexedor, o prazo de inscrición estará aberto ata o próximo 27 de setembro (así permanecerá entre o 14 e o 27 de cada mes) e as actividades comezarán o próximo 1 de outubro para prolongarse oito meses. O custo para o usuario é de 42,20 euros por 8 meses de actividade e de 108 no caso das prácticas deportivas acuáticas (vela, waterpolo, sincronizada, remo e escalada)
As modalidades deportivas a disposición son as seguintes: fútbol, fútbol sala, patinaxe, natación sincronizada, balonmán, baloncesto, tiro con arco, bádminton, atletismo, voleibol, ciclismo, taekwondo, judo, kárate, loita olímpica, hockey, hockey herba -novidade-, squash, tenis, tenis de mesa, esgrima, triatlón, axedrez, ximnasia rítimica -acrobática e artística, baile deportivo, natación, vela, waterpolo, remo, escalada ou baloncesto para discapacitados. Esta práctica deportiva realizarase nos Pavilóns de As Travesas, Navia, Samil, Candeán, Coia, Castrelos, Berbés, Bouzas, Bembrive, Teis, Coruxo, ETEA, así como nas piscinas de Travesas e Valadares.