Tras ter que suspender a edición de primavera, o programa de actividades no medio acuático, Augaventura, regresará en outono con sede modalidades deportivas. A programación concentrarase no mes de outubro respectando todas as medidas hixiénicas e sanitarias e comprende rafting, unha ruta á illa de San Simón combinando kaiak, andaina e snorkel, clases de surf, windsurf, mergullo, flyboard e wakeboard.
Antes as actuais circunstancias de pandemia provocada pola covid-19, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo deseñou o programa con todas as medidas precisas para que as actividades se desenvolvan nunha contorna de seguridade sanitaria. Como explica o técnico Alexandre Sanjorge “publicaremos no Campus Activo e remitiremos individualmente a información sobre as medidas de seguridade e hixiene ás persoas inscritas. Respectaranse escrupulosamente os protocolos que indica a Xunta de Galicia, así como as federacións correspondentes, para cada unha das actividades e que as empresas levan a cabo para dar as máximas garantías”.
Augaventura Outono 2020 concéntrase no mes de outubro e está aberto tanto ás persoas que forman parte da comunidade universitaria como ás alleas a ela, con prezos diferentes segundo o colectivo (comunidade universitaria; familiares; persoas tituladas ou persoas alleas á UVigo) e un desconto do 20% para aquelas que teñan o abono Muver.
A primeira actividade en arrancar será o mergullo, que terá unha primeira data na piscina universitaria o 15 de outubro e outras dúas nas illas Cíes con dúas opcións: 24 ou 31 de outubro. O prezo para as persoas que opten por achegarse a esta modalidade na piscina varía entre os 10€ e os 20€. No caso de preferir realizar a clase nas Cíes, o prezo vai entre 40€ e 80€. O prazo de inscrición segundo as datas remata o 4, o 11 ou 18 de outubro.
Na mesma semana irán botando a andar o resto das actividades. O día 16, xunto co 30 do mesmo mes terán lugar as sesións de descenso de rápidos no río Miño, en Arbo. A actividade, que como todas as demais se dividirá en dous grupos, terá un custo de 15€ para persoas pertencentes á comunidade universitaria e familiares, 22.5€ para persoas tituladas pola Universidade de Vigo e 30€ para persoas alleas a ela. Arrepións, a entidade colaboradora, agasallará aos participantes con CD con fotos da actividade. As datas límites de inscrición son o 4 e o 18 de outubro.
A seguinte aventura consistirá nunha ruta pola illa de San Simón que inclúe unha travesía en kayak, seguida dunha andaina pola illa e finalizando cun mergullo de superficie (snorkel) nos illotes de San Bartolomé e San Norberto. Existen dúas datas a elixir: 17 e 31 de outubro, tendo que matricularse antes do 4 e o 18 do mesmo mes, respectivamente. O prezo varía entre 15€ e 30€.
A programación comprende tamén bautismos de surf, con tres datas posibles: 18 ou 25 de outubro e 1 de novembro. Esta actividade desenvólvese na praia de Patos, en Nigrán, coa colaboración de Prado Surf Escola e un prezo entre os 6€ e os 12€ segundo o grupo se pertenza ou non á comunidade universitaria. As inscricións deberán realizarse antes dos días 4, 11 ou 18 de outubro respectivamente.
Tamén o día 18 arrancan as sesións de wakeboard ou esquí acuático, tamén Liceo Marítimo de Bouzas e tamén en colaboración coa escola Tierra y Mar, que terá unha segunda cita o 1 de novembro. A data límite de matrícula é o 4 ou o 18 de outubro e os prezos varían entre os 10€ e os 20€.
As clases de windsurf tamén terán dous grupos, un o 20 de outubro e outro o 27 do mesmo mes, con prezos entre os 10€ e os 20€. Esta actividade tamén terá lugar no Liceo Marítimo de Bouzas en colaboración coa escola Tierra y Mar. As persoas interesadas deberán inscribirse antes do 8 ou do 15 de outubro respectivamente.
Finalmente, o flyboard terá tamén dúas sesións, o 24 e 31 de outubro no Liceo Marítimo de Bouzas con prezos que van dos 20€ aos 40€. A actividade consiste no aproveitamento dos chorros de presión dunha moto acuática para somerxerse, facer piruetas e elevarse sobre auga. As datas límites de inscrición nestes grupos son o 11 e o 18 de outubro respectivamente.
As prescricións para todas estas actividades poden facerse a través da páxina web www.deportes.uvigo.es Unha vez acadado o número mínimo de participantes para a realización da actividade as persoas inscritas recibirán un correo para facer a confirmación da reservar e realizar o pagamento nun máximo de 48 horas, ben sexa na propia páxina web ou en entidades bancarias colaboradoras.