O Campionato Galego Promesas e Máster de combate reunirá o sábado 2 marzo no pavillón do Gatañal (Cangas) a máis de 700 deportistas, 45 árbitros/as, máis de 50 técnicos/as e todo o persoal da organización.
Así, un ano máis, O Gatañal volve a recibir este evento e xa van 14 edicións.
O campionato, que terá lugar o sábado no Pavillón Municipal de O Gatañal en oito pistas, transcorrerá en horario de mañá (a partir das 09:00 horas) e tarde (dende ás 15:30).
Pola mañá celebrarase a competición das categorías máster, absoluta, júnior e precadete, mentres que pola tarde será a quenda das categorías infantil e cadete.
Este torneo nace co obxectivo de fomentar a participación dos deportistas promesas, aqueles con menos experiencia competitiva e por iso non se permite a participación dos primeiros clasificados do ranking galego, membros das seleccións galegas ou medallistas nacionais ou internacionais.
É un evento de promoción do taekwondo no que sempre hai un fantástico ambiente e moita ilusión.
A competición está organizada polo Club Sares TKD de Cangas, supervisada pola Federación Galega de Taekwondo e coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Cangas. A entrada é de balde.