A familia Máis que Auga estará representada nos Xogos Paralímpicos de Tokyo, que comezaron este martes mesmo coa cerimonia de inauguración. No país nipón está xa Chano Rodríguez, o veterano nadador que adestra a diario nas piscinas viguesas xunto ao seu adestrador Alex Brea, que esta vez terá que seguir ao seu pupilo dende a distancia. E ademais, a mestra de taekwondo María Bautista tamén estará nos Xogos, como xuíza de parataekwondo, modalidade deportiva que se estrea nuns Xogos Paralímpicos.
Chano Rodríguez será o primeiro en competir… Mañá mesmo! Chano participará o día 25 na proba de 200 metros e ao día seguinte en 100 metros libres. Despois terá un pequeno descanso ata que volva á piscina o día 1 de setembro en 50 metros. O deportista MQA chega a esta cita, os seus sextos Xogos, con molestias no ombreiro, pero vai saír a dalo todo coa ilusión dun principiante. O obxectivo, entrar nalgunha final e despois, soñar.
María Bautista é a profesora de taekwondo nos centros Máis que Auga, pero ademais é xuíza internacional de taekwondo e hai unhas semanas recibiu a noticia de que sería árbitra nos Xogos Paralímpicos, despois de superar unha grave lesión de xeonllo. María viaxa a Tokyo o día 30 e a competición de parataekwondo será os días 2,3 2 4 de setembro.
A ambos, a familia Máis que Auga quixo hoxe desexarlle a mellor das sortes nesta competición, á que chegaron polo traballo, esforzo e dedicación durante estes anos.