Chega a Máis que Auga a “revolución” da auga: AquaFlash. Era algo no que se levaba varios meses traballando e que a pandemia atrasou un pouco, pero a empresa viguesa pensou que, agora máis que nunca, era o momento de presentar estas actividades novas, divertidas e dinámicas, nas que cada usuario traballará de forma individualizada, con distancia de seguridade, o seu propio soporte e, evidentemente, ao ser na auga, sen máscara.
A pesar da complicada situación actual, MQA buscou introducir unha nova tendencia que muda o modelo clásico de instalación acuática en España, e que ademais favorece a seguridade contra a Covid-19. Nesta primeira fase, que se está a desenvolver en Navia, Máis que Auga fixo unha inversión de 25.000 euros (tanto en material como formación) para arrancar coas catro primeiras actividades, que poderán ampliarse no futuro. Inicialmente está previsto que a segunda fase (en Barreiro e Coia) arrinque no ano 2021.
O director de operacións de Máis que Auga, Francisco Cortegoso, explica que estas actividades son absolutamente novas en España e que esta aposta chega para cubrir os cambios no consumo da xente. “Levamos dez anos en Vigo e neste tempo ensinamos a nadar a unha porcentaxe moi alta da poboación viguesa. Aproximadamente 15.000 persoas diferentes entre nenos e adultos pasaron polas cursos de aprendizaxe e perfeccionamento de natación de Máis que Auga. Pero estamos a apreciar que o usuario está a evolucionar nos seus gustos e que agora quere actividades orientadas ao lecer, adestramento ou saúde. E así, con eles, Máis que Auga tamén vai evolucionando”, manifestou o responsable de MQA. Para chegar a este momento houbo meses de traballo, viaxando por Europa a feiras, vendo instalacións deportivas, visitando fábricas, “para traer a Vigo cousas que vimos por Europa adiante, e ser pioneiros en España”, destacou Cortegoso.
AquaFlash é o nome que recibirá esta “revolución” da auga en Máis que Auga, que comezou en Navia esta semana coa primeira actividade (AquaFlash Bike) e irase coñecendo as restantes aos poucos, para posteriormente estendelas a Coia e Barreiro.
Hai dúas modalidades diferentes: BikeCycling é ciclo indoor dentro da auga, pero as sensacións son diferentes e exercitas outros grupos musculares. No caso do BikeTraining trabállase tamén o tren superior, sempre con música, un gran dinamismo e co apoio dos nosos técnicos. A vindeira semana será a quenda de AquaFlashCombat.