O deportista explicou que aínda está nunha nube, tentando asimilar o sucedido a pasada fin de semana en Chicago, pero moi satisfeito: “Estou feliz polo conseguido, por como estou a competir e sobre todo, feliz por estar en casa, coa familia, que había moito que non podía estar aquí. Aínda dóenme un pouco as pernas e teño gañas de descansar ó chegar a casa. Rematamos moi tarde, cenei coa miña xente e o día seguinte fixen algo de turismo con amigos. É a última proba importante da tempada e agora xa estarei máis tranquilo. Corrín un pouco o domingo e creo que era o mellor para recuperar».
O ferrolán xa pensa no próximo reto: «Aínda quedan moitos obxectivos por gañar, o vindeiro serán os Xogos Olímpicos, por suposto, e oxalá poida gañar alí e tamén máis mundiais ou outras carreiras. Ter gañas de seguir gañando é o fundamental. O día que deixe de ter gañas de gañar e de adestrar será o día que me retire. Estou motivado e é doado manterse así cando se está gañando».
Tamén se lle preguntou pola posibilidade de que se lle conceda o premio Princesa de Asturias, e Gómez Noya ten a resposta moi clara: «O Princesa de Asturias depende dun xurado, eu soamente poño os títulos e despois xa serán valorados. Que me comparen con deportistas de nivel mundial é o mellor recoñecemento. Pero a min gústame máis gañar mundiais, que están na miña man«. Agradeceu a presenza dos medios de comunicación e manifestou a súa confianza en que “non só é bo para min, senón para o tríatlon galego».
O galego saudou a amigos, compañeiros, ó presidente da Federación Galega, asinou autógrafos e fixo fotos con todos aqueles que se lle achegaron e rematou atendendo aos rapaces do colexio Martín Codax, que acudiron ao aeroporto para recibir ó campión do mundo. «Acórdaste de moita xente. Os primeiros os pais, os irmáns e a miña moza. Tamén da xente que está no día a día comigo. O meu adestrador e os antigos adestradores como Omar González e José Rioseco, que foi a persoa que confiou en min dende o principio. Sacoume adiante e aprendín moitísimo», sinalou e engadiu que «estou contento de estar aquí e ver a miña xente. Creo que non son de todo consciente do que estou facendo. Estou tan centrado na competición, nas carreiras, que non penso no que supón o que estou conseguindo. Supoño que con máis perspectiva e con máis tempo entenderei mellor as cousas»
Tamén fixo balance da longa tempada: «Non comezou como outras e fun collendo a forma pouco a pouco e a consistencia deume o título final. O quinto título mundial, o terceiro seguido e o noveno podio son datos que abrúmanme». Por outra parte, analizou a proba de Chicago, na que certificou a súa vitoria no Mundial. «Sempre hai tensión nunha proba como a de Chicago, pero levo nove anos chegando con opcións de gañar o Mundial e xa estou acostumado. Creo que foi a mellor proba que fixen en todo o ano. Non gañei porque Mario Mola estivo mellor na carreira, pero estiven a un gran nivel. Non saín mal da auga, pero houbo un corte de cinco ou dez segundos tres posicións por diante miña e o solucionamos rápido. Tes que solucionalo rápido para que non vaia a maiores porque podes quedar cortado e perder as túas opcións», dixo.
Gómez Noya explicou que este título Mundial faille tanta ilusión coma o primeiro: «Este e o primeiro son os que máis ilusión fan. O primeiro é o que sempre queres gañar, o que ambicionas dende que eres pequeno e é como un soño. Pouco a pouco vas aproximándote a el e cando o acadas é moi bonito. O quinto é máis do que xamais puidera imaxinar».
Este fin de semana, en Vigo
Javier Gómez Noya recordou que este fin de semana será padriño do Desafío Illas Cíes. «Vou a gozar dunha proba en Vigo que, polo calendario internacional, podo facer poucas aquí e cando as podo facer intento desfrutalas. Despois estarei co club francés en Niza e pouco máis. Pensar nas vacacións e recargar as pilas. Despois de recuperar esta tempada, a preparación irá encamiñada ós Xogos de Río e tratarei de chegar alí ó meu mellor nivel».