A novena edición do Trofeo de Pádel Concello de Vigo Celtamotor rematou hoxe en Máis que Auga Navia cos triunfos de Patricia Vilas e Aida Gonzalez (feminina) e Héctor Guisande e Pedro Sousa (masculina) na primeira categoría federada ouro. Héctor Guisande segue imparable neste torneo, sumando un total de sete títulos nestas nove edicións celebradas.
Este domingo foi o momento das finais. Na feminina, Patricia Vilas e Aída González superaron a Ruth Díaz e Beatriz Rodríguez en dous sets ( 5-7/3-6). A final masculina estivo máis competida, xa que os vencedores tivo que remontar. Miguel Laredo e José López venceron no primeiro set (3-6), pero Héctor Guisande e Pedro Sousa gañaron os dous seguintes para facerse co triunfo final (3-6/6-3/4-6).
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudiu ao evento, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández; e, xunto ao presidente da Federación Galega de Pádel, Manuel Fernández; o director de marketing de Celtamotor (patrocinador principal del evento), Javier Fernández e o director xeral de Máis que Auga, Francisco Cortegoso, foron os encargados de realizar a entrega de trofeos. A xornada final reuniu hoxe a moito público, para desfrutar das finais, e hai que recordar que se repartiron máis de 6.000 euros en premios en metálico.
Hai que destacar que houbo competición en todas as categorías dende iniciación e tamén se celebrou por primeira vez a competición na categoría infantil, acadándose así o récord de participación neste torneo e no Sur de Galicia, cun total de 780 participantes e co horizonte de converterse moi pronto no primeiro
torneo español que supere os mil inscritos. Xa se anunciou que o vindeiro ano haberá categorías de menores federadas e ampliaranse as categorías, nunha
aposta conxunta por parte do Concello, Mais que Auga, a Federación Galega e os patrocinadores.