Máis de 800 persoas participaron este domingo na Érguete e Corre, a proba solidaria da Asociación Érguete coa que o Concello de Vigo pechou o Circuíto Run Run 2022. Unha proba chea de emocións que ademais estreou a Vía Verde que se inaugurou esta mesma semana.
“Con esta carreira sumamos quilómetros como sociedade para axudar ás máis de 5.000 persoas que atendemos cada ano”, foi todo un “éxito” de participación, destacou a coordinadora da entidade, Elvira Rivas. A Érguete e Corre comezou coa Érguete peques, unha carreira gratuíta na que máis de 100 nenos e nenas alcanzaron a meta coa ilusión de correr algún día como os seus pais e nais. Logo dos peques efectuaron a saída as bicis e o equipo de Discamino, aos que alcalde, Abel Caballero, xunto co Concelleiro de Deportes, Manel Fernández acompañou no inicio da proba.
Ás 11.00 horas foi a quenda dos corredores e corredoras das probas cronometradas, momento no que alcalde deu o último pistoletazo de saída ao Circuíto Run Run 2022 do Concello.Os gañadores da Érguete Corre foron en categoría masculina, Emilio Tizón, primeiro, que destacou “que eu corro habitualmente por aquí é a Vía Verde é un sitio moi bo e precioso para correr”, seguido de Daniel Bargiela, segundo, e Jose Antonio Pérez, terceiro. En categoría feminina, gañou María Ferreiro, seguida de Silvia Casal e Esther Valiño.
Ao remate da proba, Elvira Rivas, agradeceu “a todas as persoas participantes, Concello, patrocinadores e ao equipo da Asociación por facer este soño posible”, e destacou que “nós corremos cada día polas máis de 5.000 persoas que atendemos cada ano”.
Kilómetros para deixar atrás as adiccións
Os ingresos desta carreira irán destinados a potenciar a actividade Movendo camiños, unha iniciativa que consiste nun adestramento semanal en Castrelos coas persoas usuarias co obxectivo de introducir o deporte nas súas rutinas diarias.
O coordinador das vivendas de apoio, Javier Alonso, explica que dende setembro un grupo de máis de 20 persoas, que inclúe persoas usuarias e profesionais de Érguete, adestra todos os martes ás 18.30 horas en Castrelos, dando igual “se chove ou se vai moito frío, xa que a constancia e a forza de superación son ferramentas moi útis coas que queremos traballar”.
A coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, incide que outro das grandes beneficios do “Movendo camiños” é que motiva ás persoas usuarias “a ter rutinas e a superar marcas e obxectivos, creando así unha educación no esforzo que lles axuda non momentos malos da loita contra unha adicción, xa que o desexo de consumir vaia compañalos toda a vida e só un gran esforzo evitará a recaída”.