Máis que Auga abre a plataforma Casagym.tv a toda a cidadanía viguesa, con tres clases gratis á semana. Todos os luns, mércores e venres (a partir das 19:00 horas) ofreceranse clases en directo ás que calquera persoa poderá acceder de balde a través da web de Máis que Auga no apartado ‘directos’. Cada semana, nas redes sociais de MQA, informarase sobre cales serán as sesións previstas para os vindeiros días, así como dos técnicos/as que as impartirán.
A empresa viguesa tamén ofrece gratis a plataforma Casagym.tv a todos os seus socios e cursillistas durante este segundo peche obrigado pola pandemia (en principio, ata o 17 de febreiro). “MQA sabe o importante que é estar fortes e animados nestes intres tan complicados e por iso, decidiu agasallar aos seus usuarios co acceso gratuíto a esta plataforma dixital, para que poidan continuar co seu adestramento”, explica a firma nun comunicado.
Ademais, para enfrontar estas semanas sen deporte en espazos pechados, Máis que Auga está a subir novas clases todos os martes e xoves para que haxa máis opcións entre as que elixir y de diferentes modalidades. Unha das novidades é que comezamos coas clases para embarazadas, xa que as futuras mamás as necesitan máis que ninguén para prepararse para o parto e chegar nas mellores condicións. Estas clases estarán incluídas no apartado ‘Corpo e mente’, no que ademais hai outras sesións moi recomendables para as futuras mamás, como estiramentos, ioga ou mobilidade.
Máis que Auga puxo en marcha Casagym no confinamento do 2020 (de marzo a xuño) para chegar a todas as casas e permitirlle aos vigueses e viguesas seguir facendo actividade física. Nos meses posteriores, esta plataforma converteuse en Casagym.tv para converterse nun novo servizo de Máis que Auga, unha alternativa para poder adestrar en casa e moito máis (clases, conferencias, vídeos sobre alimentación ou saúde, adestramentos persoais…).