Tres meses despois, Máis que Auga volve abrir as portas dos centros de Barreiro, Coia e Navia coas medidas de seguridade necesarias para que tanto os usuarios coma os traballadores se atopen nun entorno seguro e san. Seguindo as indicacións marcadas polas autoridades sanitarias, os complexos deportivos ofrecerán a partir deste venres 12 de xuño case a totalidade dos servizos: sala fitness, cursos de actividades dirixidas en sala (adultos e nenos), baño libre na piscina e zona spa, cursos de pádel, gabinete de fisioterapia e nutrición…
Ademais, xa se está a organizar o Campus Multideporte de verán e o servizo de ludoteca. Con respecto aos cursos de natación, non se contempla a súa posta en marcha na Fase 3, polo que Máis que Auga decidiu dar por finalizada a temporada e trasladar a praza de todos os cursillistas para o mes de setembro.
Todas as persoas que sigan en Máis que Auga terán un agasallo de benvida, que se entregará ao longo do mes de xuño. Ademais, durante o verán, no prezo habitual incluirase o acceso á nova plataforma virtual casagym.tv, que se empezará a utilizar de xeito inmediato e que será unha nova ferramenta de traballo. Do mesmo xeito, os socios poderán xogar ao pádel gratis nas pistas descubertas de Barreiro e invitar a tres amigos para formar os equipos, sempre sen custe algún.
Para garantir a seguridade sanitaria, os centros utilizarán cámaras termográficas e alfombras desinfectantes na entrada, aumentarán nun 20% as horas de limpeza, instalarán postos de xel hidroalcohólico e desinfectante por todas as instalacións, marcarán percorridos, delimitarán espazos nas salas e entre máquinas que respecten a distancia interpersoal…
Ademais, a través da web de Máis que Auga todos os usuarios poderán saber cal é o aforo de cada unha das partes das instalacións antes de visitar o complexo para coñecer o estado de ocupación.
De cara a establecer medidas especiais para as persoas en situación de vulnerabilidade, Máis que Auga creou unha sala exclusiva para ese sector da poboación en risco, ben pola idade ou pola súa situación sanitaria. Nesta sala, de uso exclusivo pero non obrigatorio, haberá máquinas variadas para poder facer exercicio e de técnicos para dar consellos aos abonados. Ademais desta sala de actividades en seco, reservarase na piscina e no spa unhas franxas horarias (de 09.30 a 13.30 horas) todos os martes e xoves para que poidan gozar destas instalacións con maior tranquilidade.
Recuperación dos días de marzo
Cando se paralizou a actividade, os socios e cursillistas tiñan xa pagado o mes de marzo, polo que Máis que Auga contempla compensarlles eses días agora, de forma que non comezará a aplicar a tarifa do novo mes, ata que se cumpran eses 18 días pendentes.
Desta forma, os abonados terán a oportunidade de contemplar ‘in situ’ todas as medidas de seguridade implantadas nas instalacións. No caso dos cursos de natación, o importe pendente compensarase no cobro de setembro.