O complexo de Pádel de Máis que Auga Navia abre este domingo a pre-previa do Cupra Vigo Open, terceira proba do World Padel Tour 2021, evento que conta coa participación das mellores pas a nivel mundial e, por suposto, neste caso, dos mellores galegos. Será a segunda vez que Máis que Auga acolla este gran torneo, despois da edición do 2019, cun gran éxito tanto a nivel organizativo como de afluencia de público.
Este ano todo é diferente. Debido á situación sanitaria actual, a organización do WPT decidiu limitar e controlar o aforo, de forma que en Navia só haberá invitacións para os participantes e 34 máis para Máis que Auga, que decidiu sortear as mesmas, en horarios de mañá e tarde, co obxectivo de que a maior cantidade posible de afeccionados ao pádel poidan acudir ao evento.
Como será o sorteo? Máis que Auga realizará o sorteo a través da súa páxina web na que habilitou unha ligazón. As persoas interesadas deben seleccionar os horarios e días nos que poderías acudir e cubrir os datos que se solicitan. A selección dos gañadores farase de forma aleatoria mediante 5 sorteos realizados a través da plataforma Easypromos e comunicarase o resultado aos premiados a través de SMS.
Competición. Onte venres comezou a montaxe en Navia, que finalizará mañá para poder iniciar coa competición o domingo. Coa inscrición pechada, o xoves procedeuse ao sorteo do cadro, tanto na categoría masculina como feminina. Unha vez máis, teremos a oportunidade de ver en acción a moitas das mellores parellas do pádel mundial. Destaca, no cadro masculino, o parella número 1 do mundo, Juan Lebrón- Alejandro Galán, que foi a parella revelación no ano 2020 e que vén de conseguir o triunfo na proba da WPT en Alacante. Na categoría feminina, tamén se atopa en Vigo as número 1: o tándem formado por Gemma Triay e Alejandra Salazar, que lograron a vitoria en Alacante.
Nesta primeira xornada de pre-previa teremos a oportunidade de ver en acción ao deportista Máis que Auga, Nacho Vilariño, co seu compañeiro Toño Gónzalez, que se enfrontarán á dura parella francesa formada por Bastien Blanqué (tricampión francés) e Thomas Leygue. Sen dúbida será un complicado cruzamento, pero o vigués asegura que “chegamos ben, despois de varias semanas adestrando a un gran nivel”. En caso de triunfo, volverían xogar o mesmo domingo ás 18:00 horas. E no cadro feminino, por suposto temos que sinalar ás viguesas, as irmás Barciela, que igual que Nacho Vilariño, no ano 2019, renderon a un fantástico nivel en casa. Sabela e Carla Barciela debutan o luns (14:00 horas) ante o dúo Cecetani-Castillo.
Ademais neste primeiro día de competición poderemos gozar cos partidos de grandes lendas do pádel mundial, agora en competición so en momentos puntuais, como o brasileiro Marcelo Jardim, ‘Chico’ Gomes, Fernando Poggi o Cristian Gutiérrez (campión do mundo en 2006).